"A miña arte ten un obxectivo crítico: trata de achegar o meu pensamento ao público"

Tras máis dunha década desde a súa primeira exposición, Eva Fandiño continúa a facer camiño nun mundo que a levou a abarcar a súa obra desde a pintura, a escultura, a cerámica o a poesía
Eva Fandiño. EP
photo_camera Eva Fandiño. EP

Eva fandiño comezou a súa relación coa arte desde moi pequena. E, desde entón, nunca se separou dela: pintura, escultura, cerámica e tamén poesía. Profesora de arte e artista en permanente formación, esta moañesa de indubidable polivalencia vén de gañar este mesmo venres o Premio Provincial á Xuventude da Deputación de Pontevedra na categoría de Poesía, pola súa obra Fogar. Un máis que sumar á vitrina de éxitos dunha carreira que, polo de agora, non parece que estea máis que a empezar.

A súa relación coa arte comeza desde moi pequena, recibindo formación en óleo desde os dez anos.
Foi un mundo que me gustou desde pequena, por iso precisamente fun a clases extraescolares. Moita xente, desde cativa, apúntase a extraescolares, e eu si que cultivei desa forma unha afición que me gustaba moito e quixen seguir ese camiño. Ademais, aínda que non o coñecín, o meu avó era pintor de Moaña e por ese motivo collín o apelido de Fandiño. Na súa honra e tamén para reivindicar o apelido da miña nai.

Con tan só 16 anos fai a súa propia exposición, en Cangas.
Eu fixen o bacharelato artístico no IES María Soliño, de Cangas. E sempre, ao rematar cada curso, faise unha exposición colectivaque xa é unha motivación para o alumnado. E eu tiven a sorte de que un dos profesores viu algo en min e deume a oportunidade de expoñer de forma individual. E iso creo que para calquera adolescente é un empurrón brutal, que alguén de fóra poida valorar o teu traballo. Tratouse dunha exposición que era un recopilatorio de todos os cadros que tiña pintados ata ese momento, que con 16 anos tampouco eran moitos.

A súa formación lévaa a lugares con tanta presenza da arte como Madrid ou Kassel, en Alemaña.
Foi un proceso continuo de absorber todo o que me rodeaba. Ir a Madrid foi un privilexio porque tiña ao meu alcance un montón de museos. Vivir ao lado do Reina Sofía, poder ver todas as exposicións que hai foi marabilloso. E en Kassel tamén: xa non só pola parte de visitar unha cidade que está moi relacionada coa arte, senón por ver como era alí a formación artística, que é completamente diferente á de España. É, a fin de contas, ampliar horizontes.

O concepto Fogar está moi presente na súa obra, tanto nun sentido físico como figurado.
Para min é moi importante. A experiencia de habitar, en si, é algo no que hai moitísimo no que afondar. Sobre todo eu tendo a enfocala na figura da muller, porque sempre foi un lugar moi conflitivo. É refuxio e é prisión ao mesmo tempo, como sempre digo. As mulleres sempre se viron encadeadas nas tarefas domésticas, ancoradas ao fogar, pero ao mesmo tempo é un refuxio onde poder ser ti mesma e podes ter un espazo no que pensar.

Fogar, de feito, é o nome do seu poemario. A poesía é un xénero que sempre cultivou ou ao que se comezou a lanzar nos últimos tempos?
As miñas ilustracións normalmente están ligadas tamén coa escritura, no sentido de que acompaño moitas delas cun pequeno texto, que xa de por si é algo moi poético. Tómome moitas licencias, metáforas. Penso que moitas das miñas ilustracións teñen moitas metáforas detrás. É unha linguaxe que está moi vencellada á miña arte. Nunca escribira poesía como tal ata que fixen o meu traballo de fin de máster, que foi un álbum ilustrado, onde xa vin que a linguaxe que precisaba era a poesía. Aí si que xa me lancei máis formalmente, dunha forma máis seria, xa co obxectivo de sacar un libro de poesía.

O feminismo está moi presente na súa obra, a propia visibilización das mulleres. Ao longo da súa traxectoria, atopouse con moitos obstáculos polo feito de ser muller?
Obviamente. Non sabería nin como abordalo. No mundo da arte, para empezar, as mulleres sempre estivemos invisibilizadas. É unha sensación constante, xa a nivel de sociedade en xeral e con teitos de cristal moi presentes no mundo artístico. Vexo moitos nomes de home, poucos de mulleres e poucas facilidades para formar parte del.

Unha das súas obras máis características son As Lectoras.
Eu son unha apaixonada da lectura, dos libros. Entón trátase dunha figura reivindicativa do empoderamento da muller a través da lectura. É unha forma moi amable, moi amena, ata un pouco divertida, de representar todo este pensamento. Creo que é a figura, a obra, máis redonda que fixen. Abárcase todo nun obxecto tan pequeniño como é A Lectora.

Ademais de artista, tamén é profesora. Cofundou o Galpón Lab xunto a Iria Rodríguez.
É un proxecto moi bonito, que facemos as dúas por amor a arte. E nunca mellor dito, porque é unha asociación sen ánimo de lucro. Levamos loitando xa tres anos con este proxecto e é moi gratificante, pero tamén as dúas vemos que hai falta de apoio por parte das institucións para este tipo de iniciativas. Levala entre dúas persoas é moi complicado, pero nós seguimos alí facendo obradoiros, exposicións e diferentes eventos culturais para mover a escultura pontevedresa.

A súa arte está centrada na transmisión do concepto.
Penso que a arte ten que ter un obxectivo crítico, de poder achegar o teu pensamento ao público. A artista ten que ser unha mediadora entre os dous mundos. O medio é un peza artística, pero realmente non é tan importante a forma, ou o material, senón que ese vehículo que ti utilizas sexa o acorde para canalizar a túa mensaxe. Isto é un pouco do que fala a arte conceptual: o concepto prevalece sobre a técnica. Pero sempre ten que estar de acordo, levarse ben un co outro.

Non obstante, a interpretación do espectador, aínda que sexa en pequenos matices, sempre pode diferir.
É imposible que a obra sexa concebida da mesma forma que para o artista. E penso que iso tamén é o bonito: que cada un poida facerse as súas teorías e percibir a obra de forma distinta. Porque tamén o público, o observador, pode velo cos seus ollos a partir das súas experiencias. E iso tamén é moi enriquecedor.

A súa curiosidade por dominar tantos formatos responde a esa necesidade de encontrar o vehículo axeitado para cada idea ou á propia curiosidade de ir coñecendo as distintas ramas do arte?
Responde ás dúas. Creo que tamén é moi importante ter unha mentalidade de investigadora, de non pechar portas, de ter a mente aberta e dicir: quero aprender a aprender. Quero investigar, quero probar diferentes técnicas. Investigar a nivel técnico, formal e teórico. A todos os niveis. Hai que estar en continua evolución.

Comentarios