Miriam Ferradáns recibe o XVIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

"Vén unha nova xeración de escritoras nos xornais: as xornalistas literarias que engrandecen a nosa literatura", declarou Freixanes. 
Miriam Ferradáns xunto ás finalistas Claudia Morán e Patricia Hermida. EP
photo_camera Miriam Ferradáns xunto ás finalistas Claudia Morán e Patricia Hermida. EP

A escritora Miriam Ferradáns recibiu este mércores o XVIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, polo seu artigo Dalias publicado en Nós Diario. 

O Café Moderno de Pontevedra acolleu este mércores o acto de entrega do galardón, no que Miriam Ferradáns estivo acompañada das outras dous finalistas, Patricia Hermida e Claudia Morán. 

Miriam Ferradáns agradeceu ás súas compañeiras finalistas pór en valor o xornalismo literario. "Estou moi orgullosa de estar nomeada con outras dúas mulleres, porque agora as mulleres temos a voz e que saiban que non nola van a quitar", dixo a premiada. 

O director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, indicou que con cada edición deste galardón contribúen "a dinamizar o panorama cultural de Galicia". "E iso, para nós, significa materializar o compromiso adquirido para impulsar o coñecemento a través da cultura", apuntou. 

Otero Espinar felicitou ás finalistas por esta distinción, "porque a concorrencia crecente a este certame reflicte o interese por unha prensa de calidade escrita en galego e que, da man dos novos valores das nosas letras, procura satisfacer as demandas esixentes da sociedade". 

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, presidiu o xurado destes premios con Carlos Valle como secretario e Fina Casalderrey, Cristina Pato e Gloria Rodríguez López, como vogais. 

Na súa acta, o xurado constatou a "dificultade na elección" debido á "elevada calidade do tres textos", e como, tras "intensas reflexións" resultou seleccionado o texto Dalias

Finalmente, Freixanes destacou o valor do "talento, que no caso do tres finalistas foi a pór en palabras as emocións e sentimentos profundos" de todas as persoas. 

"Os vosos traballos son moi intensos e están moi ben escritos, vén unha nova xeración de escritoras nos xornais: as xornalistas literarias que engrandecen a nosa literatura", concluíu Freixanes. 

Comentarios