"A miña cabeza necesitaba voar"

Miro Magariños reaparece na TVG dándolle vida ao personaxe que desencadea a trama en Motel Valkirias ▶ "Esta serie ten todos os ingredientes para repetir o éxito de O sabor das margaridas", asegura
O actor Miro Magariños no seu taller de coiro de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O actor Miro Magariños no seu taller de coiro de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

 "Cada vez que vou gravar, para min é festa", di Miro Magariños (Cuntis, 1957) mentres toma un mate no seu taller de marroquinaría de Pontevedra. Coñecido polo gran público polos seus papeis en series de televisión como Mareas vivas ou Fariña, o seu traballo máis recente pasou por darlle vida a Elixio, en Motel Valkirias (que actualmente emite TVG). Pero o inicio da súa carreira interpretativa remóntase case catro décadas atrás e ao teatro. "Empecei con Cándido Pazó e con Avelino González". Despois viñeron as producións do Centro Dramático Galego e de Teatro do Morcego.

"Cheguei a compatibilizar ata seis espectáculos ao mesmo tempo. Volvíame un pouco tolo". Nos anos 90 entrou no mundo do audiovisual e con Libro de familia, onde interpretou durante seis anos a Elías (2005-2011), acadou unha importante popularidade entre o público. Tamén participou en películas como Todo es silencio, de José Luis Cuerda, ou Jacinto, de Javi Camino. Afincado en Barro, dende antes dos anos 90 tamén se dedica profesionalmente á artesanía do coiro, primeiro, cunha tenda-taller na rúa Real e, dende 2016, en Don Coiro, na rúa Cruz Vermella, onde é habitual atopalo traballando. "Se algún día o sistema capitalista colapsa, eu sei que poderei sobrevivir porque coñezo este oficio".

Por iso, entre outras cousas, di que nunca dubidou en compatibilizar o seu traballo na marroquinaría co seu traballo no audiovisual. "Son dúas paixóns". Polo que se refire á segunda, ultimamente di que traballa case tanto en Portugal como en España. "Xa estivera noutra coprodución coa Rádio e Televisão de Portugal (RTP), A espía, con Daniela Ruah e con Maria João Bastos, coa que precisamente volvín coincidir en Motel Valkirias", conta.

Sobre esta última produción só fala cousas boas. "Eu fago de Elixio, un tipo que está ao servizo duns mafiosos e que é fundamentalmente un profesional do seu. É alguén que sabe manter as distancias. Ten un asunto que solucionar e niso está cando todo se desencadea. É un malo que consegue o aprezo do espectador, ata que sae o monstro". 

Miro Magariños como Elixio en 'Motel Valkirias'. CTV
Miro Magariños como Elixio en 'Motel Valkirias'. CTV

O seu non é un personaxe cun longo percorrido na serie, pero si é fundamental porque desencadea a trama. "Hai unha cousa que me gustou moito desta serie dende a mesma lectura do guión: a historia das tres mulleres que a protagonizan, cada unha coa súa mochila de vida. As tres compañeiras que as interpretan, María Mera, Maria João Bastos e Marina Mota, fan un traballo bárbaro. É de verdade unha marabilla velas traballar". Segundo di, a calidade das tres eleva unha serie de por si xa "potentísima". "Mira, o outro día cadroume ver o capítulo no que o personaxe de María Mera, tratando de asegurar o futuro da filla, ía falar coa súa parella e el violábaa. Estaba tan ben feito todo que teño que recoñecer que me deu noxo, entre outras cousas, porque me dá no corpo que que sucedan estas cousas é máis habitual do que pensamos".

Detrás de Motel Valkirias está o equipo da serie O sabor das margaridas, que marcou un fito no audiovisual galego. "Efectivamente. Rodada en galego orixinalmente, converteuse na súa estrea nunha das máis vistas de Netflix no Reino Unido e en Irlanda, e a máis seguida de fala non inglesa". Aspira Motel Valkirias a repetir ese éxito internacional? "Ten ingredientes de sobra para conseguilo".

Durante moitos anos, a TVG foi o grande motor do audiovisual galego, a que nos situou no panorama tanto estatal como peninsular aos equipos técnicos e artísticos. Hoxe non produce practicamente nada. Eu véxoo con tristura"

Coa serie da produtora CTV xa emitíndose, Miro Magariños segue desenvolvendo proxectos. "Esta mesma semana estarei en Baiona gravando un episodio piloto dun proxecto no que interpreto a un policía. Voume ao lado oposto da lei. Está claro que son un tipo de extremos".

Para o actor agora mesmo en Galicia dáse case un paradoxo: por unha banda vívese un momento doce no sector, con recoñecementos de todo tipo e con produtoras de gran proxección, e por outra, bótase en falta unha aposta clara e contundente da TVG pola ficción propia. "Foi durante moitos anos o grande motor do audiovisual galego, a que nos situou no panorama tanto estatal como peninsular aos equipos técnicos e artísticos. Hoxe non produce practicamente nada. Isto tradúcese nun empobrecemento do sector. Eu véxoo con tristura".

Quero a todos os personaxes por igual. Tampouco penso que haxa moito lugar a escoller porque os traballos, unha vez que se estrean, xa non che pertencen, andan sós"

Artesán primeiro e actor despois, Magariños confesa que non foi ata Libro de familia que se atreveu a dicir que se dedicada á interpretación. "E mira que levaba anos xa traballando nisto, pero sentía un certo pudor. Entre outras cousas porque enseguida che preguntaban se disto se vivía", lembra. Non escolle ningún traballo dos que fixo por enriba doutro. "Quero a todos os personaxes por igual. Tampouco penso que haxa moito lugar a escoller porque os traballos, unha vez que se estrean, xa non che pertencen, andan sós. Esta é unha profesión que che devolve moito agarimo da xente. Con iso é suficiente. Dicía Vittorio Gassman que un actor é unha persoa que quere vivir moitas vidas na súa. A min xogar a ser actor axudoume a sobrelevar a miña vida, unha vida marcada pola perda da nai aos nove anos e polo reencontro co meu pai emigrado xa con 13, unha vida en definitiva que non foi fácil. A miña cabeza necesitaba voar".