Moito te queren, Pintor

Amigos e compañeiros do escritor e mestre aproveitan a presentación en Pontevedra do libro 75 apertas de buxo irmandadas para Pintor para realizarlle unha homenaxe pública
Homenaxe a Xosé Vázquez Pintor no Pazo de Mugartegui. GONZALO GARCÍA
photo_camera Xosé Vázquez Pintor rodeado por algúns dos amigos e compañeiros que acudiron á súa homenaxe. GONZALO GARCÍA

"Moito te queren, Xosé", lle dixo, para empezar, a escritora e académica Fina Casalderrey. "Aquí hai 75 apertas, pero á cola quedaron 75 por mil". Referíase así ao libro 75 apertas de buxo irmandadas para Pintor (Edicións Fervenza, 2022). A presentación desta obra, este xoves, no Pazo de Mugartegui de Pontevedra, foi a escusa que reuniu a amigos e compañeiros de Xosé Vázquez Pintor para renderlle unha homenaxe pública.

David Otero, Fina Casalderrey e Baldomero Iglesias Mero foron os encargados de intervir nun acto, organizado por Pepe Gómez, no que tamén participou a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e ao que asistiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

David Otero, Fina Casalderrey, Carme Fouces e Baldomero Iglesias 'Mero', na homenaxe a Xosé Vázquez Pintor en Mugartegui. GONZALO GARCÍA
David Otero, Fina Casalderrey, Carme Fouces e Baldomero Iglesias Mero, na homenaxe. GONZALO GARCÍA

"Hai encomendas que fan que te sintas unha privilexiada", sinalou Fina Casalderrey, que aplaudiu a iniciativa de recompilar textos na honra do escritor nun libro. "Vázquez Pintor ben o merece. Díxosenos que tiñamos un límite de 2.000 palabras para eses textos. Pero, ás veces, como dicía Xabier Docampo, dúas palabras chegan. Admírote e quérote. Con iso xa estaba", rematou a escritora, que leu extractos do libro que se presentaba e lembrou, entre outras cousas, o compromiso de Vázquez Pintor coa lingua galega e co teatro galego. "Grazas por tanto. Mereces isto e moito máis".

EMOCIÓN. O acto de Mugartegui estivo marcado polo agarimo e pola emoción. "As emocións non son gratuitas. Tampouco se venden nin cotizan", dixo Baldomero Iglesias.

Homenaxe a Xosé Vázquez Pintor no Pazo de Mugartegui. GONZALO GARCÍA
Homenaxe a Xosé Vázquez Pintor no interior do Pazo de Mugartegui. GONZALO GARCÍA

O encargado de abrir a homenaxe foi o impulsor do volume David Otero. Lembrou que, ademais de para homenaxear a Pintor, a xuntanza de Pontevedra era para agradecerlle a súa achega a todos os autores que colaboraran no libro. Igualmente, para homenaxear á compañeira de vida de Vázquez Pintor, María. "Velaí o corazón deste libro. Ímolo tecendo con María e Pintor. Neste libro vai a limpa expresión que é tervos a ti, María, e a ti, Xosé, de querernos. Cumpre o teu destino. Lévanos, libriño".

A pesar de ter nacido en Melide (A Coruña) en 1946, a maior parte da vida de Xosé Vázquez Pintor transcorreu entre Agolada e Cangas. Mestre xubilado, que rematou a súa carreira na Xunqueira, en 2006, o escritor, que se achegou a todos os xéneros, da poesía ao teatro pasando polo ensaio e a narrativa, gañou, entre outros, os premios da Crítica e o Torrente Ballester.

Comentarios