O momento máis sensible da Banda de Música de Pontevedra

A BMP aspira a negociar co Concello a renovación do seu convenio tras máis de tres anos sen actividade regular ▶ A agrupación debería conmemorar o ano que vén o seu 120º aniversario
Concerto da Banda de Música de Pontevedra no barrio de San Roque durante a programación do verán. RAFA FARIÑA
photo_camera Concerto da Banda de Música de Pontevedra no barrio de San Roque durante a programación do verán. RAFA FARIÑA

"A nós se nos din a semana que vén que hai que empezar a tocar, alí estaremos. Estamos desexosos de volver á normalidade. E penso que o público tamén", di o presidente da sociedade que xestiona a Banda de Música de Pontevedra (BMP), Víctor Manuel López, bombardino da agrupación dende o ano 2000. Vén de retomar o cargo, que xa exercera entre 2004 e 2005, na última asemblea do colectivo, celebrada este mesmo ano. "Agora mesmo o noso principal obxectivo é poder negociar co Concello de Pontevedra a sinatura dun novo convenio para retomar a nosa actividade regular e poñer en marcha unha programación". 

O músico lembra que o último convenio que se asinou foi o de 2019. De carácter bianual tiña que terse renovado en 2021, pero non se fixo. Despois do verán tocaría firmar o seguinte. "A irrupción da pandemia foi determinante. Enténdemolo así, non hai dúbida. Foron dous anos de parón. E este ano foi un ano de eleccións municipais, que sempre é complicado e deixa as cousas no aire", di Víctor Manuel López. "Pero temos que recoñecer que, por unhas cousas e por outras, a banda está hoxe nunha situación sensible". Coincide, ademais, coas vésperas do que debería ser a conmemoración do 120º aniversario da agrupación musical.  

O presidente da sociedade que xestiona a Banda de Música de Pontevedra, Víctor Manuel López. GONZALO GARCÍA
O presidente da sociedade que xestiona a Banda de Música de Pontevedra, Víctor Manuel López. GONZALO GARCÍA

A Banda Municipal de Pontevedra foi fundada no ano 1904, tal e como recollen as actas do Concello dese ano. A súa presentación pública, segundo se ten lembrado nos seus diferentes aniversarios, tivo lugar os días 4 e 5 de xuño no Palco da Música de Alameda.

Na actualidade ten 34 músicos no cadro persoal e o seu director titular é Rafael Agulló. "Gustaríame destacar o compromiso de todos, tanto dos músicos, que seguen aí a pesar das dificultades, como do noso actual director, co que estamos encantados porque é un grandísimo profesional".

O ano pasado, coa pandemia xa a medio superar, a BMP ofreceu dúas actuacións e con formato reducido de dez músicos. "Evidentemente non puidemos traballar como nos gustaría". Este ano, coa covid totalmente superada, apenas igual. "Actuamos no ciclo de música do barrio de San Roque e tamén nos actos habituais das festas: o pregón, o acompañamento das autoridades ao santuario da Peregrina e a procesión", lembra.

"Teño que dicir, iso si, que foron actuacións moi satisfactorias. Sorprendeunos moito o agarimo da xente e a cantidade de persoas que se nos achegaron para preguntarnos que tal ían as cousas".

"Unha cidade como Pontevedra merece ter a súa banda de música. Non debería deixarse morrer unha agrupación con tanta historia e con tanta pegada. Sería unha pena"

O músico recoñece que na banda existe unha certa preocupación polo futuro e tamén expectación ante a posibilidade de recuperar a súa programación habitual. "Entre outras cousas porque todos damos clases e tocamos noutros sitios e nos gustaría poder organizar ensaios e actuacións de cara ao ano que vén". Por iso o seu principal obxectivo é pechar uns encontros co Concello que aseguren a estabilidade da BMP. "Pero que haxa preocupación penso que é normal. Todos sabemos que, ao final, sempre parece que se lle dá máis importancia ao formigón que á cultura".

Con todo, os músicos son optimistas. "A nosa sensación é que a predisposición do Concello é boa", di Víctor Manuel López. "Así que confiamos en poder axilizar os trámites o máximo posible e despois poder celebrar o 120º aniversario cunha nova temporada. Unha cidade como Pontevedra merece ter a súa banda de música. Non debería deixarse morrer unha agrupación con tanta historia e con tanta pegada. Sería unha pena". 

Comentarios