O momento de Thom Archi

O músico do Grove, vinculado ao estudio Bonobo, preséntase este venres por primeira vez en directo nun concerto que terá lugar no Museo de Pontevedra ▶ O artista de orixe británica publicará, á volta do verán, co selo Arte Calavera, o seu disco de debut, Co(m)ping
Thom Archi ensaiando en Bonobo. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Thom Archi ensaiando en Bonobo. BEATRIZ CÍSCAR

"Calquera que me coñeza sabe que a música é o meu maior interese na vida, o único do que sei falar. Non quero facer outra cousa", di Thom Archi (Slough, Reino Unido, 2000). "Gústame a arte en xeral. A pintura, por exemplo. Pero non ten nada que ver. O efecto que ten a música en min non é comparable a nada máis. Se escoitas música cos cascos e pechas os ollos pasa a ocupalo todo. Esa sensación, case hipnótica, encántame. O mundo sen música non sería nada".

Archi presenta este venres, por primeira vez en directo, as súas cancións. Farao nun concerto no claustro do Edificio Sarmiento do Museo (21.30 horas). A entrada é de balde, pero é necesario inscribirse previamente en [email protected]. "Teño moitas ganas. Estou cagado, pero recoñezo que tamén me fai moita ilusión poñer en marcha isto".

Hai expectación arredor da presentación en vivo deste músico, do que se comezou a falar cando publicou nas plataformas de reprodución, con 18 anos, un EP con sete temas: An intervention (en Spotify como Tom Pérignon). A partir de aí foi que comezou a traballar no estudio Bonobo de Pontevedra. Entre outras cousas, ten publicadas colaboracións con Mariña Paz (Furious Monkey House) e foi produtor dos traballos máis recentes da banda de punk Faul (que compoñen Violeta Mosquera, Laura García e Corinna Rautenberg) e do proxecto Froalla (saído do programa Xeración Sónica). 

Non quero facer outra cousa que isto. É o meu maior interese na vida. O mundo sen música non sería nada.

Á parte desta noite, haberá máis posibilidades de velo en directo. A primeira no festival Surfing the Lérez, que se celebra na Illa do Covo (23, 24 e 25 de xuño). Outra vai ser a da Festa do Marisco do Grove, en outubro. "Esa será especial porque é na casa". 

Nacido no Reino Unido, de onde é a súa nai, Archi viviu en distintos lugares de Inglaterra e de España ata rematar, cando el tiña oito anos, afincándose no Grove coa súa familia. Alí cursou Primaria e Secundaria, antes de facer estudos tamén no instituto da Xunqueira de Pontevedra. 

A XUNQUEIRA. Precisamente con algúns compañeiros da Xunqueira montou unha banda e concursou nunha edición do certame musical de Ben veñas, maio. Toca a batería dende os oito anos, aínda que o seu interese derivou pouco a pouco cara a interpretación vocal e cara a produción, "cara crear eu só temas directamente dende o portátil". Agora vive e traballa entre Santiago de Compostela, Pontevedra e O Grove. 

Á volta do verán ten previsto publicar o seu primeiro disco en solitario, Co(m)ping, no que reúne dez temas. "Penso que sairá cara outubro". Farao co selo discográfico de Bonobo, Arte Calavera. "En realidade, no Museo o que imos facer é tocar os temas do disco, acompañados dalgún outro un pouco máis antigo", conta.

O músico do Grove define o que fai como pop escuro, "melódico e pegadizo, si, pero moi escuro", e marcado por distintas influencias. "Teño influencias do hip hop, da electrónica e incluso do rhythm & blues, pero estoy a gusto dicindo que o que fago é pop", explica. Pop en inglés. "Ao final é o idioma da miña casa e o idioma no que penso. Sáeme de xeito natural". Dubida un pouco máis cando se lle pregunta por algún referente ou algunha influencia concreta que queira mencionar. "Quizais Twenty One Pilots. E a electrónica británica, así, en xeral".

Tematicamente di que as súas letras son todas moi persoais. "Nunca escribo sobre experiencias alleas a min. Sempre acabo falando de cousas relacionadas coa miña vida". 

En Bonobo acollerónme dende o principio. Sen pedirlles nada nunca, déronmo todo. Creron en min dendo primeiro momento. Débollo todo.

Todo iso está nese disco, a partir do que comeza unha carreira musical. "A miña idea é poder acabar dedicándome á música. Á miña música", aclara. "Porque agora estou apañándome producindo para outros grupos, encargos que me chegan a través de Bonobo e de Gonzalo Maceira, que non digo que non sexa algo que me interese, pero o que me gustaría de verdade sería poder vivir do que fago eu e dos meus concertos". 

Sen embargo, ata o momento, a produción, tanto para temas propios como para temas alleos, é un puntal da súa traxectoria. "A producir aprendín forzándome un pouco a min mesmo. Porque estaba empeñado en querer rematar os meus propios temas e así evitar que os tocara outra persoa. A base diso foi que, por exemplo, Gonzalo Maceira se deu conta de que era algo que sabía facer e comezou a pasarme encargos. Non me disgusta, xa digo. Prefiro traballar nisto que en calquera outra cousa, pero o ideal para min sería facelo só por gusto".

Archi recoñece que Bonobo é fundamental no camiño que percorreu. "Acolléronme dende o principio. Sen pedirlles nada nunca, déronmo todo. Creron en min dende o primeiro momento e iso non o podo esquecer. Débollo absolutamente todo".