Monicreques, danza e clown na programación de teatro familiar de Domingos do Principal

Sete espectáculos compoñen o ciclo que se desenvolverá entre o 15 de outubro e o 26 de novembro no Teatro Principal
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e Xacobe Rodríguez, de Akatro, co cartel de Domingos do Principal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e Xacobe Rodríguez, de Akatro, co cartel de Domingos do Principal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Sete espectáculos de teatro familiar, varios multipremiados a nivel estatal, conforman a programación da 24ª edición do ciclo de teatro familiar Domingos do Principal, que este martes presentaron un membro de Akatro (agrupación que coordina a iniciativa), Xacobe Rodríguez, e o concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez

Segundo explicaron, entre as propostas hai dende pezas de marcado carácter social, como pode ser a obra que inaugura o ciclo, Ás para Álex, a través da que a compañía Baobab trata o cancro infantil, ata outras de carácter eminentemente lúdico. Da mesma maneira, a programación trata de agrupar diferentes propostas escénicas que van do teatro de actores ata o de monicreques pasando pola danza e o clown

A programación desenvolverase entre o 15 de outubro e o 26 de novembro. Como en anos anteriores, volverá haber un pase matinal (12.00 horas) e outro vespertino (18.30 horas). A maiores, tres das compañías realizarán un pase para escolares os luns pola mañá. 

Ás para Álex, de Baobab, poderase ver no Teatro Principal o 15 de outubro. Seguiralle, o 22 de outubro, Nube Nube, de Periferia Teatro, unha proposta avalada, entre outros, por premios na Fira Titelles de Lleida e na Feria Europea de artes escénicas para niños y niñas de Xixón (Feten). O 29 de outubro, La Baldufa (Premio Nacional de Teatro para la Infancia y la Juventud en 2020) presentarán La fábula de la ardilla, unha montaxe tamén multipremiada, que conseguiu, entre outros, dous galardóns en Feten. 

A danza chegará a Domingos do Principal da man de Determinada Cia con Nina Ninette o 5 de novembro. Despois subirá ao escenario Os Náufragos, con Hugo, Premio María Casares 2022 ao mellor espectáculo infantil. Poderase ver o 12 de novembro. O 19 é a vez de Marcel Gross con Particular. A última obra do ciclo é No nos moverán, de Titiriteros de Binefar. As entradas (tanto as soltas como o abono) están á venda en ataquilla.com.

Comentarios