O monte que non é nada e que o é todo

Paisaxes incultas é a instalación que a arquitecta de Viascón Cristina García Fontán ten no Gaiás ata o 25 de outubro
2020071516421312586
photo_camera A arquitecta Cristina García Fontán xunto á súa instalación nas Torres Hejduk do Gaiás. MANUEL G. VICENTE / CIDADE DA CULTURA

A intervención titúlase Paisaxes incultas no que é unha referencia ao que é a paisaxe sen cultivo, o monte limpo. "Todo iso ao que non lle damos valor, que non é nada e que o é todo". Está nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), onde se poderá visitar ata o 25 de outubro (entrada de balde). A autora é a arquitecta e mestra de Urbanismo e Paisaxe na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña Cristina García Fontán, orixinaria de Viascón e responsable, entre outras cousas, da recuperación dos baños de San Xusto, que se está a levar a cabo en San Xurxo de Sacos.

"Esta intervención no Gaiás foi unha oportunidade para traballar sobre cuestións sobre as que veño reflexionando hai tempo: como un dos elementos máis característicos da paisaxe galega, o monte, é o que unha maior transformación vén soportando, debido sobre todo a falta de consideración. Non se lle dá o valor que ten", explica a arquitecta. "Estes elementos que parece que non teñen interese, os montes pelados, os montes baleiros, xa foron modificados coa instalación dos castros, dos que se estima que hai uns 3.000 en Galicia. É dicir, o perfil do monte vén cambiando dende hai moito tempo, pero aproximadamente nos anos 50 foi cando mudou completamente: empézase a plantar. Desaparece o pastoreo, xa non se pasean esas zonas e as especies invasoras comezan a buscar espacio nas fendas, nesas feridas dos montes que nós realizamos".

A intervención de García Fontán consta de dúas partes. Na primeira, a autora recrea a vexetación e características propias do monte galego. "Está elevada do chan, porque é algo que sempre pisamos e no que non reparamos. Desta maneira destácase a súa beleza, cor e biodiversidade". Aí hai musgo, liques, matogueira, breixo, toxo e herba. Complétase cunha intervención sonora a través da que se escoitan lendas de mouras e outras historias relacionadas co monte e coa riqueza cultural á que está vinculado.

A reflexión de García Fontán, que inclúe "a decapitación do propio Gaiás para colocar a Cidade da Cultura", inclúe unha segunda parte composta por vexetación invasiva (mimosas, eucaliptos e outras adventicias), que impide ver a do monte galego. "Non se trata de facer fincapé nas plantacións reguladas, senón no descoido do monte, no seu abandono, en como esas especies de fóra se acabaron apoderando del e se converteron nunha fonte de problemas e perigos como os incendios forestais. Son pólvora no noso territorio".