Morre Xosé Ramón Barreiro, historiador e expresidente da RAG

A súa carreira estivo vinculada á historia e en particular á historia política de Galicia
Xosé Ramón Barreiro Fernández. GALICIA POR DIANTE
photo_camera Xosé Ramón Barreiro Fernández. GALICIA POR DIANTE

O historiador e académico Xosé Ramón Barreiro faleceu na madrugada deste mércores na Coruña. Así o trasladaron a Europa Press fontes próximas ao docente e expresidente da Real Academia Galega, cargo que ocupou entre 2001 e 2010.

Licenciado en Dereito Canónico na Universidade Gregoriana de Roma (1963) e en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, Barreiro estivo vinculado a esta institución como catedrático de Historia Contemporánea e vicerreitor no curso 1985-1986.

Así mesmo, foi director no Instituto de Estudos Xacobeos e secretario do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento durante tres anos, e membro da primeira directiva do padroado da Fundación Rosalía de Castro, ademais do Consello da Cultura Galega desde o seu inicio.

Barreiro tamén foi membro correspondente da Real Academia da Historia, a Real Academia de Córdoba de Ciencias, de Belas Letras e Nobres Artes e pertence á RAG desde 1971, na que ingresou como membro numerario en 1991.

O historiador sucedeu a Francisco Fernández del Riego como presidente desta entidade entre 2001 e 2010, para despois pasar a testemuña a Xosé Luís Méndez Ferrín.

A súa carreira estivo vinculada á historia e en particular á historia política de Galicia, como conferenciante e relator en numerosos congresos sobre figuras como Rosalía e Otero Pedrayo, e exerceu unha importante traxectoria como divulgador de investigación con obras como A orixe litúrxica do Dereito Canónico ou A estabilidade do beneficio.

Entre os seus traballos destacan O carlismo galego (1976) ou Historia Contemporánea de Galicia (1981), ademais de A imprenta en Galicia (1982) ou Historia da imprenta en Galicia (1990).

Foi recoñecido co Premio da Crítica nos anos 1985 e 2000, o Premio Santiago da TVG en 1987 ou a Medalla Castelao en 1991, entre outros.

Comentarios