"A morte non me arrepía"

O Museo de Pontevedra conmemora o Día de Defuntos cunha lectura libre do texto Un ollo de vidro, de Castelao, a cargo de Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín
Celso Fernández Sanmartín (esquerda) e Quico Cadaval, o Día de Defuntos, no Museo de Pontevedra. BEA CÍSCAR
photo_camera Celso Fernández Sanmartín (esquerda) e Quico Cadaval, o Día de Defuntos, no Museo de Pontevedra. BEA CÍSCAR

"A morte non me arrepía e o mal que desexo ao meu inimigo é que viva até sobrevivirse", escribe Castelao no prólogo do seu conto Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. "Eu son dos que apertan a cara para apalpar a propia caveira e non fuxo dos cemiterios endexamais".

O Museo de Pontevedra celebrou este mércores o Día de Defuntos (2 de novembro) cunha lectura libre desta obra a cargo de dous dos considerados contadores galegos máis importantes da actualidade: Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín. "Será un espectáculo único creado para a ocasión, na que os dous narradores farán a súa propia lectura dun dos textos máis populares de Castelao", explican os organizadores da actividade. 

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete é un texto en prosa publicado en 1922 na colección Céltiga de novelas breves (foi o número 7), hai xusto cen anos. "Nel Castelao exhibe o seu concepto do humor a través dunha serie de historias breves fiadas polo narrador, un esqueleto, e os seus compañeiros de cemiterio". 

Dentro da colección de case 2.000 obras de Castelao que conserva o Museo de Pontevedra, figura precisamente unha edición orixinal autógrafa, bosquexos, estudos e probas dos gravados que o autor de Rianxo incluíu no libro, así como un cartel anunciando a súa publicación, que forma parte da exposición permanente da institución museística.

Sobre este texto construirán a súa narración Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín. "As memorias do esqueleto é o que ides ler. Escoitade, pois, a un home do outro mundo".

En Un ollo de vidro, Castelao parodia o xénero memorialístico modificando a súa característica fundamental: no canto de presentar o relato dunha vida, presenta o dunha morte, ou o que é o mesmo, o dunha vida máis alá da morte, que é a que vai narrando o esqueleto protagonista.