lunes. 21.09.2020 |
El tiempo
lunes. 21.09.2020
El tiempo

Lorena Conde: "A muller galega do rural está como esvaída cando é unha figura clave"

A autora pontevedresa Lorena Conde. INÉS SALVADO GONTAD
A autora pontevedresa Lorena Conde. INÉS SALVADO GONTAD
O perfil da boca é o máis recente poemario da pontevedresa, e nel rende homenaxe á súa avoa

"Para min, poesía e teatro son a mesma cousa, o que pasa é que se manifestan de forma diferente", di Lorena Conde (Ponte Sampaio, 1980). A poeta e dramaturga, gañadora do premio de poesía Miguel González Garcés en 2016 por Entullo, publicou nos últimos meses dous libros coa editorial Urutau: a peza teatral Santa Inés e o poemario O perfil da boca.

O perfil da boca é un libro relacionado coa súa memoria familiar. Como foi que o escribiu?

Xurdiu coa morte da miña avoa María, a nai de meu pai, hai xa 13 anos. Nese momento, tiven a necesidade de afondar en cousas ás que quizais antes non lle prestara moita atención, pero que de súpeto me parecían moi importantes. Pretendía facer unha peza de teatro e a intención aínda é que o acabe sendo. Pero mentres tanto pasou todo ese tempo e o que conseguín culminar foi este poemario, que fala sobre a memoria familiar, a memoria do cotián e que fala tamén sobre unha dimensión da miña avoa un tanto particular porque foi unha paciente afásica. Ela tivo un ictus ao pouco tempo de eu nacer. Así que a persoa que coñecín sempre tivo problemas de comunicación verbal. Iso levou a que afondaramos noutro tipo de comunicación. O libro fala tamén un pouco diso, das diversas posibilidades de comunicación e de incomunicación dentro da familia

Hai unha reivindicación da figura de María? Quizais das avoas en xeral?

Hai, hai. Das avoas en xeral e da muller galega no rural en particular. Porque son figuras como esvaídas, que se tratan apenas como un colectivo un tanto indefinido, cando son figuras clave na existencia de todas nós, no que somos. A miña avoa era analfabeta, nunca puido ir á escola. Estamos falando dun tipo de muller que tiña principalmente vontade de traballo e a responsabilidade de sacar adiante unha familia. O feito de tratalas como un ente colectivo lévanos a non valoralas como se debería. Paréceme inxusto.

Pódese dicir que a súa é unha ollada especialmente agarimosa sobre o rural?

E que ese é un rural a moitos anos vista: xa non existe. O actual monte da Caritaina, no Rañadoiro, non ten nada que ver co que eu coñecín cando era pequena. Agora mesmo é unha paisaxe bastante máis agreste e menos acolledora do que era daquela. A miña é unha imaxe bastante idealizada e peneirada polo tempo. Para min, a paisaxe é tamén unha dimensión de María. Eu coñézoa nesa paisaxe. Fóra desa paisaxe é como unha viaxe dominical, onde todo é moi bonito, pero non estás no sitio ao que pertences. O noso sitio era o monte.

"A relación entre feminismo e espiritualidade, ben interesante, está bastante inexplorada neste século tan machista e tan materialista"

O poemario comeza cunha serie de ilustracións que mesturan anatomía humana con flora e fauna silvestre. Por que incluíu estes debuxos?

Esas ilustracións están feitas ad hoc para o libro. Veñen de teimas miñas. Encántanme os atlas antigos de anatomía humana, eses gravados que moitas veces non eran nin reais, pero nos que se apreza unha artesanía, unha intención de tratar de coñecer ben. E tamén me encantan os herbarios e todos os tratados de natureza. Mesturar esas dúas cousas, como dúas partes indisolubles, parecíame moi acaído: o corpo humano e o espazo no que vivimos. Por certo,todo o que aparece neses debuxos está no Monte da Caritaina.

Os seus dous últimos libros saíron co selo Urutau.

A min gustábanme a súas edicións. Parecíanme moi coidadas, moi bonitas, cunha atención ao detalle que lle agradaba moito a alguén coma min, unha bibliófila, alguén un pouco fetichista do libro en papel. Cheguei ao editor, Wladimir Vaz, a través da mediación de Eli Ríos, unha das máis grandes escritoras do país ademais dunha persoa súper xenerosa que se adica a poñer en contacto á xente. Nunha Festa dos Libros en Pontevedra empezamos a falar por primeira vez da publicación dunha obra de teatro, Santa Inés, en Urutau, que ata o momento só publicara poesía.

Esa obra de teatro, Santa Inés, vén de presentarse en Santiago. Como naceu esta peza?

Santa Inés é unha proposta da actriz Inés Salvado Gontad, que estaba investigando sobre as místicas. Tiña pendente unha historia propia relacionada con Santa Inés, que ten unha historia moi truculenta e moi gore. Ela quería facer unha peza sobre iso e preguntoume se eu a escribiría. Pareceume tan marciano que lle dixen que si. E comezamos a traballar. O punto de partida de Inés era moi interesante: é posible ser feminista e cristiá? A nosa conclusión era que non, ata que Patricia Porto, propietaria da librería Lila de Lilith de Santiago, nos puxo en contacto coa asociación de galegas cristiás Exeria. E aí deunos a volta a cabeza: son mulleres que loitan contra o patriarcado e contra o negocio da igrexa católica. Santa Inés foi medrando como proxecto ata converterse nalgo moi interesante. De feito, deseñamos un programa ampliado con charlas e roteiros sobre espiritualidade e feminismo que leva o nome de Hildegarda. Este tema ben interesante está bastante inexplorado nun século que é, a pesar de todo, tan machista e tan materialista.

Lorena Conde: "A muller galega do rural está como esvaída cando é...
Comentarios