Un libro recolle a pegada de 'As mulleres que opinan son perigosas'

Susana Pedreira e Diana López Varela publican un volume que recolle o acontecido no nacemento do congreso sobre columnismo e xornalismo feminino de Pontevedra ▶ A obra enfronta ás 13 participantes no foro de 2018 coa situación actual
Carmela Silva, Susana Pedreira, Miguel Anxo Fernández Lores e Diana López Varela na presentación do libro 'As mulleres que opinan son perigosas'. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Carmela Silva, Susana Pedreira, Miguel Anxo Fernández Lores e Diana López Varela na presentación do libro 'As mulleres que opinan son perigosas'. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Necesitabamos facer memoria de todo aquilo". As xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela presentaron, no Concello de Pontevedra, o libro As mulleres que opinan son perigosas. Catro anos e unha pandemia despois, no que recollen o acontecido na primeira edición do congreso que as dúas promoveron en Pontevedra en 2018 co mesmo título, As mulleres que opinan son perigosas. No volume, que se presentará oficialmente nun acto aberto ao público o martes 29 de marzo (19.30 horas) no Pazo da Deputación, tamén confrontan ás protagonistas daquelas ponencias coa situación actual do xornalismo. Aproveitando a comparecencia, na que estiveron acompañadas polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, as dúas xornalistas confirmaron que este ano se celebraría unha nova edición do congreso cara o verán. "Cando se poida usar de novo o Teatro Principal". Actualmente o espazo está en obras. Nese evento, igual que o día da presentación do libro a semana que vén, será cando se poida conseguir un exemplar  deste volume, que se lle entregará como agasallo aos asistentes e non se poñerá á venda

Nesta nova edición do congreso, as organizadoras agardan recuperar a presencialidade despois de dous anos realizando o foro en liña. "Precisamente na pandemia xurdíu a idea do libro. Porque botabamos en falta a presencialidade, o que sucedera naquela primeira edición de 2018 cando che encheu o Principal e fomos trending topic", lembrou Pedreira. "Supuxo un punto de inflexión para moitas cousas". A forma que tiveron de facer memoria de todo aquilo foi poñelo por escrito. "Convertemos en libro aquelas palestras e confrontamos ás trece relatoras con aquel momento para saber se seguen pensando o mesmo ou non, catro anos e unha pandemia despois". O volume complétase coas crónicas dos dous coloquios que se celebraran a maiores naquela primeira edición (sobre maternidade e precariedade laboral) e con ilustracións feitas ex profeso para a obra pola ilustradora e deseñadora Emma Gascó, que tamén participara como ponente naquela primeira edición do congreso. 

O libro, máis que ofrecer respostas, pretende responder unha pregunta: As mulleres que opinamos seguimos sendo perigosas?

"O ano 2018 foi un ano histórico para o feminismo", recordou López Varela. "Foi a primeira vez que as mulleres fomos chamadas á rúa, a primeira folga do 8M. Estabamos moi motivadas". Para López Varela, o libro, máis que ofrecer respostas, pretende responder unha pregunta: "As mulleres que opinamos seguimos sendo perigosas?". Segundo dixo, na obra reflexiónase ao respecto, entre outras cousas, porque nos dous últimos anos a situación laboral das xornalistas foi a peor.

Igual que a Deputación e o Concello apoian a celebración do congreso As mulleres que opinan son perigosas, tamén apoian a publicación do volume. Tanto Carmela Silva como Miguel Anxo Fernández Lores lembraron como nacera o foro e o que significa para a cidade. "Hai que lembrar que esta idea extraordinaria, que foi quen de poñer o foco sobre Pontevedra, naceu a partir dunha reclamación tan xusta como a de que as mulleres ocupen o lugar que lle corresponde nos medios de comunicación, sobre todo nos espazos opinativos", dixo Silva. O congreso naceu efectivamente en 2018, despois de que a polémica, uns meses antes, rodeara a celebración dun congreso de columnismo en León no que non había mulleres. A resposta de Susana Pedreira e Diana López Varela foi organizar un congreso na mesma liña en Pontevedra só con mulleres. Ademais das dúas organizadoras, participaran María Varela, Ana Bernal Triviño, Elisa Beni, Marta García Aller, Rosa Montero, Fernanda Tabarés, Inma López Silva, Lucía Taboada, Emma Gascó, Anita Botwin, Celia Blanco e Ana Pardo de Vera.

Este libro lembra que en 2018 houbo quen se puxo en pé no centro dicindo: queremos ocupar o noso espazo

"Aquilo foi algo extraordinario", seguiu dicindo Silva. "Pero as cousas non poden quedar só en recordos. Por iso teñen que quedar en libros para que as mulleres que veñan lembren que houbo quen se puxo en pé no centro dicindo: queremos ocupar o noso espazo". A presidenta da Deputación lembrou datos como que, nos medios galegos, só o 15,5% das columnas son asinadas por mulleres e, a nivel estatal, só o 21% das firmas de opinión son femininas. 

"Dúas xornalistas de Pontevedra foron quen de levantar a lebre e levar a Pontevedra a ser pioneira tamén na defensa do feminismo nos medios", rematou Lores. "Que Pontevedra estea no mapa cun congreso único no Estado éncheme de orgullo".

Comentarios