O Museo empraza a Eladio y los Seres Queridos e Silvia Penide para o verán

O exterior do Edificio Castelao acollerá, entre xuño e setembro, o ciclo 'Emprazarte', composto por unha serie de espectáculos de contacontos e de música en directo
De esquerda a dereita, e de arriba a abaixo: Silvia Penide, Eladio Santos, Brais das Hortas e Raquel Queizás. DP
photo_camera De esquerda a dereita, e de arriba a abaixo: Silvia Penide, Eladio Santos, Brais das Hortas e Raquel Queizás. DP
Silvia Penide e Brais das Hortas serán os primeiros protagonistas do ciclo Emprazarte, que o Museo de Pontevedra vén de anunciar que se celebrará ao longo de todo o verán no espazo de acceso ao Edificio Castelao. A proposta cultural, que terá lugar os últimos venres (21.00 horas) e sábados (12.00 horas) de cada mes entre xuño e setembro, combinará espectáculos de contacontos e de música en directo.

A actuación da cantante e compositora coruñesa Silvia Penide inaugurará esta serie de actuacións o 25 de xuño. Farao cun concerto ao que lle seguirá, ao día seguinte, un show titulado Zona en obras, a cargo do músico e contador Brais das Hortas.

Silvia Penide, que gañou dous premios Martín Códax da música galega, ten publicados oito traballos discográficos. O último, que será o que presentará en directo no Museo, é Los días de plomo. No caso de Brais das Hortas "promete un espectáculo interactivo de narración, música e monicreques para crianzas", indica a Deputación de Pontevedra.

Calendario conciertos ciclo EmprazarteA cita do mes de xullo será de contacontos o sábado 31 coa Trastenda dos contos a cargo de Caxoto e non haberá espectáculo musical xa que coincide co ciclo Sons na Praza, que tamén organiza o Museo de Pontevedra. Cunha traxectoria vinculada nos seus inicios á editorial Kalandraka, Felipe Díaz Caxoto está detrás do mostrador desta Trastenda dos contos, "un proxecto nado no 2012 para que a narración oral conflúa con outras disciplinas artísticas, actividades lúdicas, artes escénicas, contidos educativos, a formación en valores ou o enfoque social", explican os seus responsables.

En agosto, o día 27, o concertó será de Pablo Lesuit, que despois de publicar o ano pasado o álbum Belorizonte con Esmerarte acaba de lanzar unha nova canción, Hasta que me creas, e o espectáculo de contacontos , de Raquel Queizás, que presentará Onda min.

Emprazarte rematará en setembro cun concerto de Eladio y los Seres Queridos, en formato dúo, o día 24 e coa proposta Contos para dar e tomar, de Artestudio Teatro, ao día seguinte.

A entrada para todas as actuacións é de balde con reserva previa en [email protected].

Comentarios