O Museo fai un percorrido do papel á arte cunha mostra de origami

A exposición abre do xoves 4 ata o 23 de xaneiro e haberá obradoiros de papiroflexia para todos os públicos dende o sábado 6
León feito a base de papel. DP
photo_camera León feito a base de papel. DP
O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle dende este xoves 4 de novembro ata o 23 de xaneiro a mostra Origami, de papel a obra de arte, unha exposición que pretende facer un percorrido por todas as modalidades que existen do origami, a arte do pregado do papel onde non cabe a posibilidade de cortes nin pegamentos.

Trátase dunha selección de figuras da Escola Museo Origami Zaragoza (Emoz), un dos poucos museos de papiroflexia que existen no mundo e o único na súa categoría como museo de autor. Actualmente, conta con máis de 5.000 obras orixinais das persoas creadoras máis importantes internacionalmente.

A exposición parte dunha proposta histórica onde se desvelan os inicios do origami tanto no mundo como en España, onde a máxima relevancia recae no Grupo Zaragozano de Papiroflexia fundado en 1944, e salientando a figura dun dos máximos expoñentes en España, Miguel de Unamuno.

Origami, de papel a obra de arte - CartelA proposta estará dividida en varias zonas, unha primeira de Introdución na que se fala da habilidade de dar a un anaco de papel forma de determinados seres ou obxectos, vendo como ao pregado utilitario se lle foron engadindo outros usos: cerimonial, recreativo, xeométrico, matemático, educativo, artístico etc.

A parte do Origami elemental inclúe todos os modelos da papiroflexia tradicional. Outra zona está dedicada ao Origami esencial, un estilo que naceu a mediados do século XX a partir da obra de Akira Yoshizawa, no que o artista trata de expresar unha emoción a través do pregado.

O apartado de Origami orgánico permitirá ver modelos que seguen os patróns da bioloxía e tamén da xeoloxía, unha tendencia inicidada polo CRIMP, centro francés de investigación liderado polo artista Vincent Floderer. Unha quinta sección é a do Origami hiperrealista, grazas ao que cun deseño, cun plan e cunha meta preconcibidos e levando o papel aos seus límites fléxicos e xeométricos, búscase o máximo realismo e o detallismo exhaustivo. Na zona do Origami escultórico veranse pezas nas que o papel exprésase volumetricamente grazas a un coñecemento preciso das súas características e coa máxima de “só pregar”.

No Origami xeométrico haberá pezas modulares obtidas mediante procedementos de pregado fixos e repetitivos que, a modo de ladrillos, e convenientemente ensambladas, forman un todo. O apartado do Origami teselado amosará creacións nas que unha estudada serie de pregaduras transforman o plano bidimensional nunha estrutura tridimensional.

OBRADOIROS. De forma paralela desenvolveranse obradoiros de papiroflexia para público de 5 a 90 anos os sábados 6 e 20 de novembro, e o 11 de decembro, e no Nadal haberá sesións os días 28, 29 e 30 de decembro. Haberá un máximo de 20 participantes por sesión e o horario será de 11.30 a 13.00 horas. É precisa inscrición previa en: [email protected].

Comentarios