O Museo de Pontevedra entra na "Champions das galerías" en Fitur

A entidade é a primeira do Estado en levar o premio de calidade e sustentablidade a un tempo
A delegación do Museo de Pontevedra recibindo as condecoracións o venres en Madrid.
photo_camera A delegación do Museo de Pontevedra recibindo as condecoracións o venres en Madrid.

Museo de Pontevedra, da man da presidenta da Deputación, Carmela Silva; o vicepresidente, César Mosquera, e o director da entidade museística, Xosé Manuel Rey, recolleron onte na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles en Madrid as distincións concedidas polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) pola súa calidade e sustentabilidade, converténdose así na primeira entidade museística do Estado que recibe a un tempo ambos recoñecementos oficiais.

Logo de recoller os galardóns na gala da Noite Q 23, presidida pola ministra de Turismo, Reyes Maroto, e o presidente do ICTE, Miguel Mirones, o vicepresidente da Deputación asegurou que recibir as distincións do ICTE supón entrar a "xogar na 'Champions dos museos' na que o Museo de Pontevedra tiña que xogar desde sempre".

Segundo destacou Mosquera, os distintivos poñen ao Museo de Pontevedra "á altura do Thyssen ou do Guggenheim", que son os únicos que teñen o Q de calidade en España, mais aínda non dispoñen da S de sustentabilidade.

En Galicia, explicou o responsable do Museo, ningunha entidade semellante ten ningún dos recoñecementos, mentres que a maneira de funcionar do Museo de Pontevedra en canto a calidade e sustentabilidade pasou a inspección e a avaliación do ICTE "sen ningún problema e coas máximas notas".

"Estamos moi contentos, avanzando na liña de converter o Museo de Pontevedra publicamente no que xa é internamente, de darlle esa potencia e recoñecemento público que merece e no que seguiremos a traballar. (...) O Museo está a funcionar moi ben e iso ten que trascender", dixo Mosquera.

Así mesmo, o vicepresidente augurou que 2023 será un ano moi frutífero para o Museo de Pontevedra tanto pola incorporación de Santa Clara, como tamén pola rehabilitación dos edificios centrais, que xa está en contratación.

Logo do acto de Madrid, a celebración da "Q" e do "S" do ICTE seguirá na cidade do Lérez o vindeiro martes 24 cun acto de conmemoración no que haberá música e audiovisuais. O acto será ás 19.30 horas no Edificio Castelao e contará coa actuación musical do grupo Mallou, coa proxección dun audiovisual sobre o traballo do Museo, con discursos institucionais, así como coa participación de representantes da restauración e hostalería que dispoñen tamén do galardón da "Q" de calidade na cidade de Pontevedra: Ultramar, Eirado da Leña e Parador de Turismo. Para poder asistir como público é preciso inscribirse en [email protected]

O Concello de Sanxenxo certifica o seu liderazgo turístico

O Concello de Sanxenxo recibiu na noite do venres o Premio Q que certifica o seu liderazgo de calidade turística en España con 19 insignias en praias e portos, os cales se elevan a 59 se se suman as do sector turístico privado.

O alcalde e responsable de Turismo, Telmo Martín, recibiu o galardón da man da ministra de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, e do presidente do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), Miguel Mirones, durante unha gala na cal asistiron máis de 1.000 personas. Mirones destacou "la colaboración permanente y constante" do Concello co instituto. "En Sanxenxo, un lugar maravilloso, queremos ejemplificar la apuesta por la calidad de un destino", asegurou.

Pola súa parte, Telmo Martín agradeceu ao ICTE o recoñecemento, pero tamén tivo palabras de gratitude para "los cientos de trabajadores municipales" que se encargan da posta a punto das praias e o porto, e, por suposto, para "el sector turístico privado, su apuesta por la calidad y el cariño que muestran a sus clientes. Sin ellos esto non sería posible".

Comentarios