O Museo de Pontevedra presume de 'Novos Valores'

Os premiados no certame de 2017 mostran o traballo que realizaron coas súas bolsas, no Edificio Sarmiento, ata o 22 de xullo

Os catro bolseiros de 'Novos Valores 2017' xunto ás obras pictóricas de Malú Feijoo. DAVID FREIRE (Museo de Pontevedra)
photo_camera Os catro bolseiros de 'Novos Valores 2017' xunto ás obras pictóricas de Malú Feijoo. DAVID FREIRE

Esculturas feitas con pan, a contorna da N-541, un tótem de catro metros de alto e unha reflexión sobre a relación entre corpo e pintura son as catro obras que compoñen a mostra Novos Valores 2017, que se pode visitar dende este xoves e ata o 22 de xullo no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. A exposición reúne os traballos realizados, coas bolsas de 1.500 euros que recibiron, os premiados no certame da Deputación en 2017. Son Yolanda Ríos Coello, Malú Feijoo, Aitor Víctor Fernández Marcos e Borja Guerrero.

Segundo informou a Deputación, coa súa bolsa de estudos, Ríos realizou un curso de formación de catro meses na Escola Massana de Barcelona e, posteriormente, un obradoiro co artista Carlos Garaicoa no CGAC de Santiago de Compostela. "O obxectivo desta artista buenense era o de profundar en técnicas escultóricas contemporáneas e experimentais".

FLORENCIA. Malú Feijoo aproveitou o premio para continuar coa investigación que centra a súa tese doutoral e que versa sobre as relacións actuais entre o corpo e a pintura. A artista tamén viaxou a Florencia, onde realizou un curso de cerámica na Accademia D"Arte ADA Firenze.

Pola súa banda, Fernández Marcos "utilizou a primeira parte da bolsa en custear cursos de formación con tres fotógrafos internacionais clásicos e con carreira consolidada, como son o portugués Paulo Nozolino, o guatemalteco Luis González Palma e o estadounidense Gregory Crewdson", indica a Deputación. "A segunda parte da bolsa destinouna á produción da obra que se pode ver na mostra e que leva por título As da noite".

Finalmente, Guerrero empregou o seu premio na produción do traballo que pode verse na mostra. "Trátase dunha obra aínda inconclusa que simboliza unha nave do tempo na que viaxar ao paraíso, entendido como un retorno á infancia e como un reencontro cos seres queridos que xa partiron, pero como un reencontro aínda en vida", indicou o artista en palabras recollidas pola Deputación Provincial.

O xurado valorará 99 obras na actual edición

O xurado do certame Novos Valores 2018 mantivo este xoves a primeira das súas xuntanzas. Está conformado por José Solla, María Maquieira, Olmo Cuña, Silvia García, Carlos Valle, María del Carmen Baloira e Antonio Santos. "Nesta edición recibíronse un total de 99 obras, das cales 19 corresponden á categoría de pintura, 26 á de escultura, 17 á de fotografía, sete á de videocreación, dez á de debuxo, oito á de gravado, dúas á de deseño e dez á de varios", informou a Deputación.

 

Comentarios