O Museo de Pontevedra, primeiro de España en conseguir o selo de sostibilidade turística

O ICTE concédelle o certificado S á institución grazas "á súa aposta pola educación, a igualdade e a enerxía asequible" ▶ Ata o momento só 77 entidades do Estado conseguiron obter esta marca, que empezou a outorgarse o ano pasado
Exterior do Edificio Castelao do Museo. ARQUIVO DP
photo_camera Exterior do Edificio Castelao do Museo. ARQUIVO DP

O Museo de Pontevedra vén de converterse no primeiro de España que consegue o certificado S pola súa sostibilidade turística. Segundo informou a entidade museística, que xa tiña o selo Q de calidade, o recoñecemento chégalle "pola súa aposta pola educación, a igualdade de xénero e a enerxía asequible e non contaminante".

O Instituto para a Calidad Turística Española (ICTE) é o organismo que outorga estas certificacións. A de S, que comezou a realizarse o ano pasado, distinguiu polo momento a 77 entidades do Estado. segundo datos facilitados polo Museo. Súmase ás que xa daba o mesmo instituto de Q de Calidade Turística e de Safe Tourism (Turismo Seguro). 

"A marca S é instrumento pioneiro a nivel mundial", explica o Museo de Pontevedra. "Esta certificación garante a implantación, o cumprimento e a acreditación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) correspondentes da Axenda 2030 da ONU en institucións que realizan actividades relacionadas co turismo cultural". Conséguese mediante auditorías que miden os estándares de funcionamento das institucións ou empresas. Entre outras cousas valora, por exemplo, a pegada enerxética ou as políticas de conciliación familiar.

Na provincia de Pontevedra tíñanse expedido ata o momento oito certificados S, todos relacionados coa hostalaría

Na provincia de Pontevedra había oito certificados S outorgados. Téñeno os Apartamentos Trisquel de Sanxenxo, o Cámping Illa de Ons, o Cámping Paisaxe II de San Vicente do Mar (O Grove), a Casa de Cacheiro en Lamela (Silleda), o Hotel Pousada Real en Caldas de Reis, o Hotel Roquiño tamén en Caldas de Reis, o Hotel Talaso Louxo La Toja (O Grove) e o Spa Hotel Bosque-Mar no Grove. O Museo de Pontevedra é a primeira institución pública galega que se fai coa distinción.

Neste caso, o selo do ICTE destaca a contribución do Museo a eses obxectivos de desenvolvemento da Axenda 2030. En concreto, o certificado conseguiuse fundamentalmente a partir dos tres obxectivos centrais do seu plan de sostibilidade: educación de calidade, igualdade de xénero e enerxía asequible e non contaminante.

"Referéndase así a aposta pola excelencia que está a facer o Museo, que hai só dous meses lograba a certificación Q de calidade turística, que promoven o ICTE e a Asociación Española de Normalización UNE", explica a institución. "Só dispoñen do selo Q, entre os grandes museos españois, o Guggenheim de Bilbao, o Thyssen-Bornemisza de Madrid, e o MARQ de Alacante". 

Segundo datos do Museo, en Galicia só outro centro museístico tiña a Q de calidade: o Castelo de Soutomaior, que tamén depende da Deputación de Pontevedra. "Ao conseguir esta nova certificación, o Museo convértese no único centro museístico de España e a única entidade de calquera tipo en Galicia en dispoñer de ambas marcas, S e Q".

Comentarios