O Museo de Pontevedra revela os gañadores de Novos Valores 2021

Os artistas Rebeca López, Adrián Solleiro, Diego Del Río e Daniel Cercedo foron os catro galardoados este ano coas bolsas do certame
undefined
photo_camera O xurado e os gañadores de Novos Valores no Museo de Pontevedra. CEDIDA

Rebeca López Villar, coa peza 'Sen Título (Sobre paseos e arrepentimentos)', Adrián Solleiro con 'Reflexión', Diego del Río con 'Ras Al Hanout II' e Daniel Cerecedo con 'Picasso y Richter (después de)', foron as persoas gañadoras das bolsas do certame Novos Valores de 2021 do Museo de Pontevedra.

As obras, que responden a tres creacións pictóricas e a unha escultórica, foron escollidas por unanimidade polo xurado grazas á calidade, presentando "cargas conceptuais e reflexións importantes, ademais de ser variadas na súa temática", segundo explicou o director do Museo, Xose Manuel Rey, quen incidiu tamén que nesta ocasión inverteuse a tendencia de que as mulleres foran maioritarias nos galardóns. As obras gañadoras, xunto con outras dez escollidas como das mellores entre as 29 presentadas, formarán parte dunha exposición que terá lugar entre o vindeiro xoves 8 de xullo e o 12 de setembro no Edificio Sarmiento do Museo.

En canto ás pezas gañadoras, a pintura 'Sen título (Sobre paseos e arrepentimentos)' de Rebeca López Villar (Vigo) reflexiona sobre a paisaxe e aborda cuestións como os conceptos de arrepentimento e paseo e a idea do proceso artístico. O marco teórico da peza queda plasmado coas definicións recollidas na instalación pictórica, e garda relación coas investigacións de memoria histórica que realiza a autora.

No caso da escultura 'Reflexión' de Adrián Solleiro González (Tui), responde a unha peza figurativa modelada cuxa imaxe "xoga" cun espello. O autor explica que decidiu facer esta muller "mirándose no espello, e este devolvéndolle a imaxe do seu rostro dado a volta. O espectador, pola cercanía da figura ao espello, só pode ver o rostro no reflexo e, axudado pola pintura, pode chegar a percibir esa sensación estraña de dubidar se está en positivo ou en negativo, como se tratase dun holograma".

Diego del Río Comesaña (Ferrol), coa obra 'Ras al Habout II', presenta a continuación da peza presentada en 2019, unha serie de 21 cadros de pintura ao óleo sobre soporte de aluminio. O creador busca con ela indagar na experiencia da viaxe do artista "como acto de resistencia ante o novo individualismo".

Finalmente, Daniel Cerecedo Bretal (A Pobra do Caramiñal), coa obra 'Picasso y Richter (después de)', sinala que a súa orixe reside no relato da competición artística contada por Plinio o Vello na que se enfrontaban Zuxis de Heraclea e Parrasio de Éfeso co propósito de determinar cal era o mellor pintor do momento. Deste xeito, propón simular un concurso similar de maneira ficticia e actualizada, no que o reto é realizar obras basadas en Picaso e Richter sen empregar pintura e, polo tanto, a través da tecnoloxía e enfrontar aos dous artistas a unha imaxe xerada coa computadora, mediante un código QR, con información virtual á que as persoas observadoras poderían chegar mediante a súa lectura cun teléfono móbil.

A bolsa está dotada cunha contía total de 7.500€ para cada premiado. Así, todos os afortunados buscan con ela poder sufragar os gastos que supoñen a continuación da súa formación no mundo das artes e, deste xeito, optar a recibir a educación noutros países do mundo. Así mesmo, tamén pretenden destinar parte do diñeiro a futuras viaxes que lles proporcionen experiencias artísticas.

Comentarios