Os museos, unha alternativa para gozar da Semana Santa

As salas expositivas da Xunta ofrecen unha vintena de mostras e actividades os días festivos ► Os visitantes poderán gozar de diferentes disciplinas artísticas, arqueoloxía e visitas guiadas
Algunhas das obras de arte que se poden ver no CGAC de Santiago. EP
photo_camera Algunhas das obras de arte que se poden ver no CGAC de Santiago. EP

A Rede de Museos xestionados pola Xunta ofrecen diversas mostras e actividades que representan unha alternativa cultural para os días da Semana Santa en Galicia. No Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura vén de inaugurarse a exposición Faraón. Rei de Exipto, composta por 140 pezas das coleccións do British Museum, un dos máis prestixiosos do mundo. Pola sua banda, o Museo das Peregrinacións, en Compostela, acolle Imaxes de pedra, unha viaxe polo Camiño de Santiago que se fixa en detalles da monumental escultura románica da man da doutora en Belas Artes, Rosa Elvira Caamaño Fernández.

CGAC. Outro dos museos da Xunta situado en Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), vén de abrir a mostra Accións peregrinas da artista sevillana Pilar Albarracín, unha das creadoras clave na renovación das linguaxes artísticas en España durante os 90. Xunto a esta, permanecen abertas Pauline Oliveros, centrada na música electrónica; e Breaking the monument, unha selección de obras de artistas procedentes de contextos culturais moi diferentes.

BELAS ARTES. O Museo de Belas Artes da Coruña ofrécelles aos visitantes un percorrido pola moda do período 1860-1960 a través da colección González Moro reunida na mostra Vestir épocas. Nela pódense contemplar máis de 300 pezas, entre obxectos e prendas de vestir, pertencentes á dama coruñesa Ana González Moro, que mostran as formas e gusto de vestir en Galicia nas distintas épocas que abrangue o legado.

Pola súa banda, o Museo do Mar de Vigo acolle a exposición Crebas, unha serie fotográfica realizada nun areal da Costa da Morte, na que Manuel Sendón ofrece a súa visión dos obxectos arrastrados polo mar á costa.

Ademais, neste mes de abril haberá visitas guiadas os sábados e domingos ao centro, ás 12.30 e ás 18,30 horas, e á única salina mariña de evaporación solar conservada de todo o Imperio Romano, Salinae, ás 11.15 e 12.30 horas. Outra das actividades previstas é a visita ao acuario para coñecer aos tiburóns, os sábados e domingos ás 11.15 e ás 17.15 horas. A participación nestas actividades precisa cita previa. A maiores, as familias que visiten o museo ao longo do mes poderán tamén participar no xogo de pistas polas salas para descubrir un misterio.

"A CONQUISTA DO MAR". O Museo Massó, situado en Bueu, ofrece a exposición permanente A conquista do mar e a explotación dos seus recursos, un percorrido pola navegación e as disciplinas que contribuíron ao seu desenvolvemento, como a astronomía, a xeografía ou a construción naval. Centrado na actividade industrial desenvolvida pola familia Massó, inclúense tamén material arqueolóxico e embarcacións tradicionais da Ría de Pontevedra, entre outras pezas. Hai visitas guiadas todos os sábados de 12.30 a 14.30 horas.

ExposicionsCGAC

ARQUEOLOXÍA. As persoas interesadas na arqueoloxía poden visitar nestes días os diferentes museos e centros de interpretación relacionados coa prehistoria, a arte rupestre e a cultura castrexa. Así, o Museo do Castro de Viladonga ofrece a posibilidade de realizar un percorrido polo xacemento e achegarse á comprensión da cultura castrexa tras a conquista romana. Nestas datas o museo acolle tamén a mostra O itinerario do Camiño Real do Norte e unha exposición conmemorativa do seu 50º aniversario.

Pola súa banda, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica de San Cibrao de Las, en Ourense, ofrece a través dunha innovadora exposición todas as claves para coñecer os aspectos máis relevantes e enigmáticos desta cultura. Hai visitas guiadas de martes a venres, con reserva previa, e as fins de semana ás 12.00 ao centro de interpretación e ás 12.30 á área arqueolóxica. Precisamente unha sala destas instalacións acolle nestas días a mostra Fondos Pétreos, do Museo Arqueolóxico de Ourense, pechado ao público por mor de obras.

En canto á arte rupestre, o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro ofrece ata o domingo actividades dirixidas ao público familiar, como obradoiros, ás 11.00 horas e unha visita guiada ás 17.00 horas, ademais doutras dúas visitas guiadas ao día para o público xeral, ás 12.30 e ás 18.30 horas. A participación nestas actividades precisa reserva previa. As persoas que prefiran visitar o recinto pola súa conta, poden facelo de 10.00 a 20.00 horas.

No Museo Etnolóxico de Ribadavia pódense visitar diferentes exposicións centradas na pesca fluvial, na vestimenta galega, na tradición téxtil, na olaría e na arte galega no desafío cultural dos anos 70. Tamén acolle a mostra San Cipriano Mago e Santo. Pola súa banda, o Museo do viño de Galicia situado neste mesmo concello ourensán mostra xunto á súa exposición permanente O viño nos camiños de Santiago. 

Comentarios