Nacemento dun libro en tempos de pandemia

Un encontro na editorial Kalandraka entre o músico Paco Nogueiras e o ilustrador Marc Taeger descobre o proceso de creación do álbum Extra!, condicionado pola crise sanitaria, e que se presentará o sábado no Salón do Libro
Gon 10.30 Kalandraka. Praza de San Xosé. Reportaxe de cara o Día do Libro sobre como se fixo o libro disco Extra., miércoles, 21 abr · 10:30–10:30
photo_camera Mark Teager e Paco Nogueiras na sede de Kalandraka observando as ilustracións e a maquetación. GONZALO GARCÍA

Desde que un autor se lle acende a bombilla das ideas ata que estas se materializan nun libro poden pasar meses e incluso anos. O camiño que percorre un álbum ata que sae do prelo é longo e nel interveñen numerosos axentes: autores, ilustradores, correctores, editores...

"Cada libro é un mundo", di a cofundadora e editora de Kalandraka, Manuela Rodríguez, na sede da editorial pontevedresa. "Non ten nada que ver Lolita, de Nabokov, que nós o que facemos é traducila e darlle forma de libro, a un álbum ilustrado ou un libro-disco, no que o proceso se complica máis", explica.

Confírmano Marc Taeger, ilustrador habitual do selo editorial, e o músico Paco Nogueiras. Xuntos asinan Extra!, o terceiro libro-disco do cantante do chapeu azul, que o pasado mes de decembro chegaba ás librarías. Logo de case dous anos de creación e cunha pandemia polo medio, este sábado presentarase no Salón do Libro entre cancións e debuxos. "O ideal é que todo vaia rodado, pero pode haber retrasos, imprevistos... e ata unha pandemia, e nesa medida hai que ir adaptándose", engade Paz Castro, responsable de comunicación da editorial, sobre o proceso de creación.

Arredor da mesa na que o equipo concibe os seus proxectos, arrodeados das páxinas e dos personaxes que protagonizan os contos de grandes e pequenos, a editora, Taeger e Paco Nogueiras (sen chapeu nin xersei azul pero coa mesma ilusión abrollando dos ollos), debullan como dunha pequena idea agroma un proxecto que ten nun xornal o seu fío condutor. E é que Extra! inclúe doce cancións que ben poderían ter sido doce noticias do Diario de Pontevedra.

A primeira parte de toda proposta literaria pasa por un montón de decisións. O formato, o tema, o deseño, conta a cofundadora da empresa. "Decidimos que cancións van, cales non, que sentido lle damos, se isto é noticia ou non...", relata Manuela Rodríguez.

Paco Nogueiras: "Pese as dificultades, todo o mundo puxo moita enerxía. É como se fose unha alegría nesta época un pouquiño gris"

Unha vez definido chega a procura do ilustrador. En ocasións, o autor dun libro nin sequera coñece á persoa que se vai encargar do deseño, porén Marc Taeger confesa que prefire saber que "ten o escritor na cabeza".

"Fai o que queiras", foi a frase que lle soltou o cantante de Brinca Vai e Bule bule ó debuxante. "Sempre procuramos que teñan algo en común", engade Manuela na conversa.

Cando o proxecto chegou as mans do ilustrador, fíxoo xa con dúas linguaxes, a narrativa das cancións e a música. Acordaran presentarlle a idea a Marc Taeger, quen aproveitou o confinamento para dar renda solta á súa creatividade. Tres carpetas cheas de caricaturas de Paco Nogueiras e de debuxos ateigados de cores vivas presiden a mesa durante a conversa. "Normalmente se a un ilustrador lle presentas doce cancións, fai doce ou catorce ilustracións. Marc fixo todo iso", di Manuela, que amosa unha morea de láminas.

"Estaba en casa confinado como todos, con la familia. Solo tenía que salir a la ventana a aplaudir a las 8 de la tarde, así que me puse a trabajar", explica entre risos Marc Taeger, que confesa que tardou ata que deu coa caricatura axeitada do músico galego.

Taeger e Paco Nogueiras. GONZALO GARCÍA

Durante o confinamiento, o contacto entre os profesionais que interviñeron na creación de Extra! foi telemático. "Pese as dificultades, todo o mundo puxo moita enerxía da súa parte. É como se fose unha alegría nesta época un pouquiño gris", explica Paco Nogueiras."A la hora de ilustrar estás enjaulado, creo que le metí más color por eso", confesa Taeger.

Ó mesmo tempo, os traballadores da redacción de Kalandraka encargáronse da maquetación, corrección e edición dos textos. "É un traballo que non se ve, pero que está e que é importantísimo. O noso é un labor colectivo", matiza a editora.

xFoto de familia do equipo de Kalandraka. GONZALO GARCÍA.JPG

Do prelo ó escenario: "A xente está desexosa de explotar, espallarse e desfrutar coa música"
Como para outros sectores, a pandemia supuxo un "frenazo" na creación de Extra! e doutros proxectos editoriais. Malia así, neste caso traduciuse nunha maior cantidade de opcións de ilustracións e, tal e como asevera Nogueiras, "serviu para macerar ben o proxecto, pensar as cancións e darlle forma". Logo chegou a parte audiovisual que tamén se viu condicionada polas restricións sanitarias e supuxo un importante traballo en equipo. "Acabamos todos bailando as coreografías", din.

E é que foi no pasado verán cando se gravaron os videoclips do disco. Fíxose por grupos burbulla, con aforos moi reducidos e distancia en cada baile. "Solucionamos case nun mes, intentamos comprimir os traballos. Hai vídeos gravados en Bueu cun grupo burbulla de Bueu, outro de Vigo, outro de Pontevedra e incluso xente que se gravou na casa", explican sobre o labor dos compañeiros de Kalandraka TV.

O pasado mes de decembro o libro chegaba por fin as librarías. Pouco antes imprimíase no prelo de Gráficas Anduriña, cos autores e algúns membros do equipo asistindo ó nacemento literario. "Para a editorial é unha fortuna contar cun equipo que nos dá todas as facilidades para estar presentes no arranque das máquinas", indican desde a editorial que supervisa os procesos e axustes técnicos para que o resultado do traballo sexa o desexado.

"É emocionante podelo compartir cos autores e autoras, que ven que a súa obra xa é unha realidade", engaden desde a empresa para a que a impresión supón unha fase máis na cadea continua do seu traballo. E é que mentres que para os departamentos de edición, deseño e produción supón a fin dun ciclo ó tempo que seguen elaborando outros títulos, para o equipo comercial e de comunicación marca o comezo do seu labor presentando a obra nas librarías e en todas as canles de promoción.

De novo as restricións sanitarias condicionan estes actos que no caso dun libro-disco adoitan vir acompañadas de espectáculos musicais como o que xa se compartiron Taeger e Nogueiras días atrás en Tui. "A xente está moi desexosa de explotar, espallarse e disfrutar coa música", di Paco, "pero o mesmo tempo son capaces de conterse e dentro das súas propias limitacións aproveitalas ó máximo. Saben que non poden moverse da cadeira, pero esa cadeira queda mareada", engade subliñando o seu chapeu azul. Este sábado volverá poñelo en Pontevedra para cantar e contar ó tempo que Marc leva ó público polo relato dos seus debuxos.

Comentarios