As Nadaliñas de Filgueira Valverde vense no Museo de Pontevedra

O Sexto inaugurou onte unha escolma de 80 nadais que distintos persoeiros galegos enviaron ó profesor Filgueira Valverde e que destacan pola súa singularidade artística, literaria e musical
Inauguración de la exposición. GONZALO GARCÍA
photo_camera Inauguración de la exposición. GONZALO GARCÍA

Ao tempo que a Real Academia da Lingua Galega incorpora ó dicionario a palabra nadaliña empregada de xeito sistemático por Filgueira Valverde, unha colección destas postais chega ó Museo de Pontevedra. Trátase dunha selección de nadais enviados ó profesor pontevedrés por parte de persoeiros de diferentes ámbitos da cultura de todo o país, artistas ou intelectuais como Maruja Mallo, Lugrís, Seoane, Colmeiro, Díaz Pardo, Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Dalí, ou Mingote, entre outros que baixo o título de Nadais. Colección Filgueira Valverde, permanecerá aberta ata o 24 de xaneiro no Sexto.

Este xoves tivo lugar a inauguración desta mostra da man do director do Museo, Xosé Manuel Rey, así como da comisaria da exposición, Sabela Santos Filgueira, neta do profesor e traballadora do Museo. "Cando se programou esta mostra resultaba imposible imaxinar todo o que ía acontecer, que teríamos unha vida sen relacións, un Nadal sen familia e amigos... Por iso, nesta distopía na que nos atopamos adquire máis sentido esta exposición coa que rememoramos antigas costumes que, aínda que mudaron co tempo pasando do papel ao formato dixital, da postal ao WhatsApp, mantéñense vivas hoxe en día", manifestou Rey.

Os máis de 80 nadais que integran a mostra "son testemuñas dunha vida que esperamos retomar o antes posible, repleta de afectos, esperanzas, e bos desexos", sinalou o director da institución. Unha pequena mostra dos case 9.000 que conforman a colección privada de nadaliñas que reuniu ó longo da súa vida unha personalidade tan ligada ao Filgueira Valverde. "Son postais que constitúen pequenas xoias, xa que moitas delas conteñen debuxos, textos ou poemas orixinais que permiten rememorar pequenos fragmentos de vida", subliñou Rey.

Ademais, o director da institución agradeceu á comisaria da exposición "o seu interese para que esta exposición vise a luz. O seu magnífico traballo engade carga emotiva a esta mostra que esperamos axude a normalizar este Nadal atípico", sinalou.Reprodución en gran tamaño dunha das pezas. GONZALO GARCÍA

Sabela Santos, pola súa parte, agradeceu o traballo realizado pola equipa de persoal do Museo de Pontevedra. Destacou que o periplo de poñer en marcha a exposición comezou hai preto dun ano cando a súa tía lle cedeu a colección de nadais: "Non sabía que facer con ela e cando falei co director do Museo a idea estivo clara: unha exposición". 

Santos Filgueira destacou que os máis de 9.000 nadais recibidos polo seu avó "demostran o afecto que había a Filgueira Valverde", subliñando a constancia nos envíos dalgúns persoeiros como Isaac Díaz Pardo, con máis de 30 anos consecutivos de postais.

Por outra parte, a comisaria tamén agradeceu a colaboración de Xesús Ferro Ruibal, Xesús Alonso Montero e Juan Manuel Monterroso, pola súa participación no catálogo da mostra, facendo das postais unha análise digna dun xénero artístico propio. Para pechar o evento, Santos Filgueira utilizou as verbas que o propio Filgueira Valverde utilizaba para felicitar as festas "Nadal saudoso e que veña mellor 2021". 

Comentarios