Nani Matos: "Gústame fixarme en cousas pequenas que pasan desapercibidas"

► O realizador estrea o 30 de xuño en Pontevedra a curta Antes de que se poña o sol, protagonizada por Mela Casal ▶ Rodado en Negreira, o filme introdúcese nos encontros e desencontros do ámbito familiar
 
O director e actor Nani Matos. GONZALO GARCÍA
photo_camera O director e actor Nani Matos. GONZALO GARCÍA

Os segredos e misterios que rodean unha reunión familiar, os encontros e desencontros que nela se producen, son o fío do que tira Nani Matos (A Guarda, 1966) na súa última curtametraxe, Antes de que se poña o sol. "Catro irmáns teñen que tomar unha decisión, pero non todos están de acordo", explica o director. "Do que se fala aquí é de conflitos familiares, das que cousas que non se falan como se deben falar ata que acaban revirándose. Gústame fixarme en cousas pequenas que pasan desapercibidas, pero que son importantes para facernos reflexionar". 

Dende que estreara hai sete anos a multipremiada Lurna (que acumula máis de 30 recoñecementos por festivais de todo o mundo), Matos, afincado en Pontevedra dende hai máis de dúas décadas, non rodara nada máis como director. Si que seguiu vinculado ao mundo do audiovisual traballando como actor. De feito é un dos intérpretes galegos que participou na serie internacional Los enviados, que se rodou a finais do ano pasado en Pontevedra. Pero como director e guionista o seu traballo é máis pausado.

Recoñezo que me gusta especialmente este formato. Estou moi cómodo con el. E son dos que reivindico sen parar que as curtametraxes son cine

Esta é a súa cuarta curta tras Dies dei, coa que debutou en 2009; Flores para Amalia, de 2013; e Lurna, de 2016. "É verdade que foi bastante tempo o que pasou. Pero, en realidade, eu quería ter rodado este guión antes. Fastidiounos a pandemia", recoñece. "E ademais foi unha historia que sufriu moitísimas modificacións. É o guión que máis versións tivo de todos cantos teño traballado". Finalmente, Antes de que se poña o sol ve a luz. O 30 de xuño, antes de comezar o percorrido por festivais, estréase no Teatro Principal de Pontevedra (20.30 horas, entrada libre). 

O filme gravouse a finais de agosto e principios de setembro de 2022 nunha parroquia de Negreira (A Coruña), en base a unha proposta da directora de arte, Ana Seoane. "É incrible o que evolucionou o audiovisual en Galicia nos últimos anos. Falo tanto do ámbito artístico como técnico. Hoxe nas curtas trabállase como nas películas. Xa non son catro amigos que quedan unha fin de semana. Son actores e actrices profesionais, técnicos profesionais... O nivel da curtametraxe que se fai hoxe é altísimo. E a min recoñezo que me gusta especialmente este formato. Estou moi cómodo con el. E son dos que reivindico sen parar que as curtametraxes son cine".

Neste caso, para o equipo artístico, Matos rodeouse de xente de confianza. "A Mela Casal, a protagonista, tíñaa na cabeza dende a mesma escritura de guión". Coa actriz xa traballara en Dies dei e en Flores para Amalia. Nesta ocasión comparte protagonismo cunha nena da Guarda, Sabela Rodríguez, que tiña nove anos cando se rodou a curta. "É o seu debut como actriz e está marabillosa". O resto do elenco confórmano Teté García, Xosé Manuel Esperante, Victoria Teijeiro, Machi Salgado e o propio Nani Matos. "Era a primeira vez que me dirixía a min mesmo e non sei se repetirei", comenta rindo. "Tiña ganas de probar, pero resultou ser unha experiencia bastante complicada".

Policía local de profesión, Matos debutou oficialmente como actor na serie Rías Baixas, da Televisión de Galicia, en 1999. E xa non abandonou este outro oficio. "Encántame", confesa. "Igual que me gusta moito escribir e dirixir. É certo que cada vez que acabo un proxecto penso que non me vou volver meter noutro nunca máis, por todo o que supón persoalmente, emocionalmente e incluso economicamente, pero despois chega outra historia e tira de ti. De calquera maneira, agora estou nese momento no que necesito parar, respirar e deixar que a xente vexa o que fixemos".

Comentarios