ENTREVISTA XX

Nati Juncal: "Sinto que este oficio tira de min"

O seu traballo como directora de produción en Matria acaba de valerlle un Mestre Mateo. Persoa clave en filmes do novo cinema galego (Lúa vermella, Longa noite, Eles transportan a morte), con Sonia Méndez está detrás de Cósmica Producións.

Nati Juncal (San Miguel de Deiro, Vilanova de Arousa, 1976). ROCÍO CIBES
photo_camera Nati Juncal (San Miguel de Deiro, Vilanova de Arousa, 1976). ROCÍO CIBES

Onde colocou o Mestre Mateo
Aínda non tiven tempo nin de pensarlle un sitio! Foron uns días nos que pasaron moitas cousas e xusto despois chegou a Semana Santa... Así que quedou nun estante. Pero o máis seguro é que o leve para a oficina de Cósmica Producións. 

Porque vostede é das que lle quita importancia aos premios ou das que lla dá? 
Eu creo que este premio é importante porque é un recoñecemento das túas compañeiras e compañeiros. É un aprecio. Pero tamén che digo que calquera dos catro finalistas o merece. Despois tócache ou non levalo, pero os catro que chegan á final sempre son moi bos traballos.  

Matria, ao final, funcionou moi ben, pero realmente fíxose con recursos moi limitados. Houbo que darlle moito á cabeza para axustar

Que é o que fai unha directora de produción? 
É un pouco difícil de explicar (ri). Pódese resumir en algo así como que se encarga de xerar un orzamento para a película e de xestionar o seu cumprimento. En definitiva, un filme conta cunha serie de recursos económicos e con eles ti tes que conseguir que se realice nas mellores condicións posibles. Por exemplo, encargámonos de, cando non hai diñeiro de sobra, escoller ben a que se destina o que hai; de onde se pode quitar, cando hai que facelo, sen que sufra a película. Por unha banda, administramos ao milímetro os recursos dos que se dispoñen e, por outra, tamén nos ocupamos do que sería a xestión macro de todos os departamentos. Negocias con cada xefe de equipo que marxe lle podes dar. E ocupáste de reservar o necesario para a posprodución, para a promoción... Todo isto, atendendo ás necesidades do director e do guión para que, como digo, se consiga facer a mellor película posible. 

Matria foi un traballo difícil?
Matria era unha película con certa ambición en canto a localizacións, a estética e a como Álvaro [Gago] quería que traballaramos. A el gústalle moito o trato humano e gústalle que as cousas funcionen de forma natural. Houbo, por exemplo, moitos ensaios antes de comezar a rodar. Meses antes do comezo da gravación xa convidaba aos actores e ás actrices a visitar Vilanova para que viran como interactuaba a xente alí, para que se familiarizaran coa vila e cos personaxes que el quería retratar. Isto que implica? Pois que hai que traballar con outro ritmo. Matria, ao final, funcionou moi ben, pero realmente fíxose con recursos moi limitados. Houbo que darlle moito á cabeza para axustar. En realidade, eu non sei como é traballar nun proxecto con recursos folgados. Nas películas de autor en Galicia, nas indies, se queres, do que se trata fundamentalmente é diso: de aprender a axustar. Onde meter cartos é fácil de decidir, pero onde quitalos, sen que sufra nin o equipo nin a peli, é máis complicado. Con todo, en Vilanova estivemos ben a gusto, a verdade. Foi unha rodaxe que se desfrutou. E diso estou moi orgullosa.

Son de Vilanova e crieime entre bateas. Meus pais, cando era pequeniña, poñíanme casetes de Parchís no porto mentres eles traballaban. Non hai película que teña feito ata o día de hoxe que teña máis que ver comigo que esta

Porque para vostede participar neste proxecto era especial. Xa o ten confesado.
É que tiña a sensación de que esta película tiña que facela eu. Evidentemente unha pode encargarse da dirección de producción de calquera proxecto, pero non todos teñen que ver o mesmo contigo a nivel persoal. Neste caso, gravábase en Vilanova, de onde son eu. A Álvaro coñecíao de hai anos, cando coincidimos en Londres, na asociación Galician Film Forum, que se dedicaba a proxectar alí películas galegas. De volta en Galicia os dous, xa estiven a punto de botar unha man na curta de Matria, pero pilloume traballando e ao final non puido ser. Cando saíu o proxecto da longametraxe, propuxéronmo e, claro, dixen que si. E logo, por suposto, é unha película na que hai bateas e barcos e iso tiña que lideralo eu.

Porque é un mundo que coñece ben. 
É que eu crieime aí! No tempo do verán, levábanme meus pais de pequeniña e poñíanme casetes de Parchís no porto mentres eles traballaban. Non hai película que teña feito ata o día de hoxe que teña máis que ver comigo que esta.

Fixo un discurso combativo na gala dos Mestre Mateo, con mencións ao 'Acabouse', o lema contra os abusos sexuais e o machismo na industria audiovisual, e á situación en Gaza. O desenvolvemento da súa carreira está ligado ao compromiso.
Sabes que pasa? Eu estudei Filoloxía, logo tiven un bar... Quero dicir que cheguei ao audiovisual con 28 anos, non con 18. Xa militara en diferentes organizacións. Dende a miña época universitaria víñenme sentindo ligada e comprometida con movementos sociais. Nesa etapa e nesa faceta funme encontrando a min mesma. Visto a día hoxe doume conta de que as primeiras veces que fixen labores de produción foi precisamente aí, en Estudantes Antimilaristas, por exemplo. En definitiva, que eu, se subo a un escenario e teño un micro diante, non podo deixar de dicir certas cousas. Porque son quen son.

Que atopou no cine e no audiovisual que a convenceron para acabar dedicándose a isto?
O que máis me gusta do meu traballo, fíxate, é que é moi difícil. Cada novo proxecto lévate case a comezar de cero. Porque cada un ten un equipo distinto e ten unhas necesidades diferentes. Volves empezar cada vez. E, ao tempo, isto é algo que require que esteas aprendendo cousas novas todo o tempo. O que máis me gusta deste traballo é tamén o máis estresante que ten: que nunca podes dar nada por sabido. Sinto que este oficio tira de min. Rétame constantemente e isto é algo que me gusta moito, que me dá a vida. Cada día é unha nova aventura.

Comentarios