martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

Nazaret López: "O que quixen facer toda a vida foi escribir"

Nazaret López (Lugo, 1959). MANUEL G. VICENTE
Nazaret López (Lugo, 1959). MANUEL G. VICENTE
Pasou pola TVG e por TVE. Agora, aos 60 anos, debuta na novela con 'Formigas nos pés'. O 15 de febreiro preséntaa en Pontevedra

Púxolle Eva á protagonista de Formigas nos pés (Xerais, 2020). Seguro que non por casualidade.
Non, non foi por casualidade. Quería, dalgunha maneira, universilizar esta historia, que é a historia dunha ruptura, dunha creba, da asunción da soidade, da reconstrución dunha muller. Fíxate que a protagonista era simplemente ela. Non tiña nome. Igual que o home era el. Pero, de repente, hai un momento no que eu necesito darlle nome ao home. Un dos textos que tiña implicaba que ese nome fose Adán. Non quixen prescindir desa parte, así que decidín pechar o círculo chamándolle Eva a ela.

Vén de dicilo: esta novela [que presenta o 15 de febreiro, ás 12.30 horas, na Libraría Paz, xunto a Teresa Cuíñas] conta a historia dunha ruptura.
Si. E de todo o que a rodea. Todas as etapas que implica o dó. Pero esta é tamén unha historia de amor e de desamor. E creo que tamén, unha historia de reconstrución. Mesmo vou descubrindo, a medida que leo críticas, outros temas sobre os que se reflexiona no texto, como este tan de moda, o da sororidade. Todas as mulleres arredor da protagonista forman unha especie de corpo de muller común que a arrodea na ruptura. Esta solidariedade entre as mulleres tamén ten moita importancia. Agora que perdemos o concepto de tribo asociado ás familias que nos amparaban cando nos pasaba algo, permanece este outro asociado ás mulleres. Nós, cando medramos e evoluímos, cando superamos atrancos, temos unha gran capacidade de empatía unhas coas outras. A novela tamén se vale desa forza.

"A televisión hoxe é moi diferente. É terrorífico que se poida emitir un programa sobre San Simón obviando a parte franquista"

E esta unha novela feminista?
Non o creo. É unha novela que trata un conflito dende o punto de vista dunha muller, pero non reivindica nada. Nestas situacións nunca hai culpables nin inocentes. Que iso quedase claro era unha teima que tiña. Simplemente hai que recolocarse, quedarse co que foi marabilloso e ficar en paz co teu pasado e co teu presente. Evidentemente é unha novela escrita por unha muller e protagonizada por unha muller. É dicir, o que temos aquí é un punto de vista feminino. Pero dixéronme moito que calquera persoa que pasara por unha situación deste tipo se sentía identificada, o que me fai moi feliz.

Dicíallo por esas referencias á superación de clichés como «sen home non es ninguén». Iso é algo que lle din a ela. Hai moitas partes na épica da novela que non me sucederon a min, pero que lle sucederon a persoas achegadas. Aquí está a historia dunha amiga miña que se separou, volveu vivir ao sitio no que se criara e alí as amigas de toda a vida, coas que compartira todo, lle espetaron: «Pois agora ti terás que buscar xente na túa mesma situación, non vas estar aquí no medio dos matrimonios».

Debuta na novela con 60 anos. Non é habitual.
Mira, eu o que quixen facer toda a vida foi escribir. Formo parte dunha xeración que entrou no xornalismo pensando que era a vía máis rápida para chegar a ser escritora. Pero os tempos da profesión, as escravitudes... lévante por outros camiños. Igualmente eu sempre quixen ser novelista. Era algo que tiña pendente. Vía como pasaban as décadas e escribía e escribía, pero para a televisión, para a radio, para o teatro... Ata que chegou un momento na miña vida, cando acabei un proxecto no que estaba involucrada, un musical grande, no que apeteceu máis que nunca poñerme debaixo dun flexo a facer o que realmente sempre quixen facer: escribir unha novela. Tiven a sorte de que gustou e ma publicaron. Penso que un dos días máis felices da miña vida foi ese, cando souben que ía saír a novela.

Vostede que xa tiña escrito teatro, tivo claro que esta non era unha historia para levar ao escenario?
Non, tampouco é que o tivera moi claro. O que pasa é que a propia escrita é a que vai mandando. Ao longo de todos estes anos, eu fóra reunindo textos e relatos. Así que decidín reunilos nunha mesma historia que me pareceu que tiña a épica dunha novela. Se mañá a tivera que levar ao teatro, faríao tamén.

A súa ampla traxectoria nos medios de comunicación inclúe o seu paso por Televisión de Galicia, Televisión Española, Radio Galega, Cadena SER, El Progreso... ata agora mesmo que está en Radio Ames. Sen embargo, recoñece que sempre quixo adicarse á literatura. Séntese cada vez máis escritora e menos xornalista?
Cando aínda estaba con esta teima de publicar ou non, recordo que un crítico me dixo: «Un é escritor escriba ou non escriba, e ti es escritora». Teño a fortuna de que a miña vocación foi moi temperá e sempre estivo aí. Con sete anos xa escribía. E en todo o que fun facendo ao longo da miña carreira penso que houbo algo literario.

Son moi diferentes as televisións que vostede coñeceu a finais dos 80 e nos 90 ás de hoxe? Que opina sobre movementos como Defende a Galega?
Son televisións moi diferentes. Aínda que eu hoxe só podo falar como observadora. Naqueles anos faciamos as cousas con moitísima ilusión, pero con poucos medios. É moi difícil pensar que hoxe se puidese emitir un programa infantil como La bola de cristal, por exemplo. Os compañeiros que defenden a dignidade da profesión teñen todo o meu respecto. É terrorífico que se poida emitir un programa sobre a Illa de San Simón obviando todo o que se refire á etapa franquista. É moi descorazonador.

Nazaret López: "O que quixen facer toda a vida foi escribir"
Comentarios