Neds impacta al público del Principal en el estreno de Cineuropa

Comeza novembro, comeza a chover a serio e, como non, comeza Cineuropa. O festival que este ano trae á capital 130 títulos de todos os xéneros e no que, entre moitos outros, 30 realizadores galegos amosarán os seus últimos traballos.

E así, sen moitos adobíos, foi a presentación. O vídeo promocional do festival, breve (e para min innecesaria) explicación do programa e o saúdo e agradecementos da concelleira de cultura e centros socioculturais, Socorro García Conde.

Inmediatamente, sen máis dilación, fomos directos ao que todos alí estabamos agardando: a proxección de Neds, o último filme do escocés Peter Mullan (director de Orphans e Las hermanas de la Magdalena, inda que tamén coñecido pola súa longa traxectoria como actor).

Neds é a historia dun rapaz escocés que nos anos 1970 pasa de ser o típico 'listillo' a un vulgar matón de banda da rúa. Podería explicar máis da trama, mais o filme é basicamente iso, o violento camiño polo que o rapaz vai perdendo a súa humanidade.

O filme é duro e non recomendábel para todos os estómagos. Aínda que non conta nada que non contaran xa moitos outros filmes británicos con amplo trasfondo social, a calidade do elenco e en especial do actor protagonista (Connor McCarron, Cuncha de Ouro e Cuncha de Ouro ó mellor actor no Festival de Cinema de Donosti 2010) fan que o espectador non deixe de remexerse na butaca (e non só porque algúns encontren as do Principal incómodas). A isto tamén contribúe a banda sonora de Craig Armstrong, que sen facerse notar demasiado, vai marcando o descenso aos infernos do rapaz.

Brutal, descarnada e sen artificios, Neds é un máis que digno filme para inaugurar este festival no que nos agardan todo o palmarés de Cannes, un especial musical sobre os Rolling Stones, filmes pasados por Sitges ou Donosti, fantáticos, asiáticos, retrospectivas e documentais. Raro será que alguén non atope algo do seu gusto.

E para non perderse demasiado aquí estaremos para darvos algunhas recomendacións semana a semana e para comentar entre todos os filmes que imos vendo e o discurrir do festival.

Comentarios