As nenas medran na Casa das Campás

A profesora de Belas Artes Silvia García mostra en Pontevedra un cento de imaxes de mociñas de distintas épocas e lugares ►Nesta colección de fotos baseou o seu libro 'Nenas medrando'
Dous detalles da exposición que se pode visitar na sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra durante todo o mes. GONZALO GARCÍA
photo_camera Dous detalles da exposición que se pode visitar na sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra durante todo o mes. GONZALO GARCÍA

Nenas medrando é o título do debut literario da profesora de Belas Artes Silvia García (Cangas, 1973). O libro, publicado o ano pasado por Chan da Pólvora mestura poemas con dúas ducias de fotos de raparigas de distintos lugares do mundo e de distintos tempos. Estas imaxes forman parte da colección particular da autora, que comezou en 2009 e que hoxe está composta por máis de 400 instantáneas adquiridas en mercadiños e a través de internet. Cun cento desas fotos compuxo unha mostra que se poderá visitar ata o 28 de maio na Casa das Campás.

"As fotos das nenas non se presentan como ilustracións, senón que completan a reflexión poética sobre como medramos, sobre a propia percepción do corpo e como seguen transmitíndose estereotipos ou sobre o non adaptarse ás regras do mundo dos adultos", explicou Silvia García, na inauguración da mostra, en palabras recollidas polo Diario Dixital da Universidade de Vigo, Duvi.

Nenas no Berlín da Segunda Guerra Mundial conviven nesta colección de retratos infantís xunto a outras de álbums familiares de Xapón, aínda que a profesora de Belas Artes obvia adrede calquera referencia sobre a imaxe para descontextualizala totalmente fronte ao espectador, ao que lle propón "o xogo" de ollala sen ningunha información previa.

"Neste proxecto translócese a miña posición de muller feminista, entre outras cousas, ao facer unha escolla de fotos onde as nenas aparecen seguras de si mesmas e non se identifican tanto con ideas estreotipadas de fraxilidade e de vulnerabilidade", explicaba a autora a Diario de Pontevedra, en outubro do ano pasado, con motivo da publicación do libro. "Eu era unha nena que quería facer moitas cousas e á que lle respondían que a feminidade debía ser máis tranquila, máis pasiva e dócil. Este proxecto é tamén un xeito de rebelarme contra esa mensaxe que se lles segue trasladando ás nenas e mesmo ás adultas".

Comentarios