Nina Nastasia abre a programación do 17º aniversario da sala Karma

Furious Monkey House, The Limboos, Kitai e Los Mejillones Tigre protagonizarán concertos de marzo a maio
 
Nina Nastasia nunha imaxe promocional.
photo_camera Nina Nastasia nunha imaxe promocional. DP

A sala Karma cumpre 17 anos o vindeiro 17 de marzo e celébrao cunha programación de concertos que dará comezo esta semana e que se prolongará ata finais de maio. Nina Nastasia, Furious Monkey House, The Limboos e Los Mejillones Tigre son algúns dos artistas que subirán ao escenario da sala pontevedresa, que tamén prepara unha programación especial de DJ para festexar a data. 

As pinchadas deron comezo precisamente xa a semana pasada con Chicho de la Funk DJ Set (Ortiga) e inclúen tamén a presenza de Dorian DJ Set, o 10 de marzo, ou de Señora DJ, o 24 de marzo.

O xoves 9 de marzo abre oficialmente os concertos do aniversario a cantautora folk estadounidense Nina Nastasia. Co apoio do prestixioso xornalista musical John Peel e producida por Steve Albini (responsable do In Utero, de Nirvana), a artista desenvolvía unha carreira cunha brillante proxección nos primeiros anos deste século cando decidiu desaparecer da esfera pública en 2010. Convertida nunha figura de culto do indie rock, tras algunhas reaparicións esporádicas, o ano pasado volveu subir aos escenarios como teloneira da banda Mogwai e lanzou o que é o seu sétimo álbum de estudio, Riderless Horse, no que volveu contar con Albini á produción. Este traballo é o que está presentando estes días por España.

O sábado 11 de marzo será a vez de Mundo Prestigio e Los Telepáticos. Os vigueses Mundo Prestigio mesturan nos seus traballos dende noise rock a hip hop e teñen colaborado dende con Mariagrep a con Grande Amore. Los Telepáticos é unha banda de rok formada en Madrid, en 2018, por tres uruguaios e un arxentino. Teñen dous discos publicados, Con la fiesta a cuestas e Cambio y fuera.

Unha foto promocional de Furious Monkey House.
Unha foto promocional de Furious Monkey House. DP

O día exacto do aniversario de Karma, o 17 de marzo, haberá unha noite de micro aberto. Estas sesións, que se desenvolven periodicamente baixo o lema Black Hole, están organizadas polo músico pontevedrés Queco Lago. Ao día seguinte subirán ao escenario a banda viguesa de pop Dalsi, que debuta este ano co EP Cantigas de amor, e os composteláns Copa Turbo, que fan punk e rock, e que en 2020 publicaron Esta no es tu puta ciudad, este no es tu puto barrio y tú no eres el puto Jack Kerouac.

O mes de marzo rematará con La Quinkillada, a banda de Bueu que mestura a verbena galega "coa rumba máis quinki". O seu primeiro disco é Gozar, Sentir, Bailar. Actuará o día 24.

As sesións de DJ abriunas a pasada fin de semana Ortiga e incluirán pinchadas de Marc 'Dorian' e de Señora DJ, entre outros

Os pontevedreses Furious Monkey House abrián a xira do seu novo disco en Karma o 14 de abril. O grupo de rhythm & blues The Limboos, formada por galegos afincados en Madrid, dará un concerto o 21 de abril, e Kitai, banda de rock madrileña famosa por tocar 24 horas seguidas para entrar no Libro Guinness dos Records ou dar un concerto nun globo aerostático, o 22 de abril. 

A programación péchase o 6 de maio cos xienenses Los Mejillones Tigre, que fusionan sen complexos cumbia, garage, psicodelia e soul.

Toda a información está dispoñible na páxina de Facebook de Sala Karma. As entradas están á venda na plataforma Wegow.

Comentarios