Nos cen anos de Conde Corbal

A Deputación celebra o centenario do pintor pontevedrés cunha reedición da colección de gravados Fardel de guerra, unha exposición e unhas xornadas arredor de arte e memoria
Antón Mascato, Montse Fajardo, María Ortega, Carmela Silva e dous dos fillos do autor, Ana e Enrique Conde Escuredo (de esquerda a dereita). DEPUTACIÓN
photo_camera Antón Mascato, Montse Fajardo, María Ortega, Carmela Silva e dous dos fillos do autor, Ana e Enrique Conde Escuredo (de esquerda a dereita). DEPUTACIÓN

Unha nova edición do libro de gravados Fardel de guerra, unha exposición no Pazo da Deputación Provincial (a partir do 21 de abril) e unhas xornadas nese mesmo espazo (21 e 22 de abril) servirán para conmemorar na cidade o centenario do nacemento de Xosé Conde Corbal (Pontevedra, 1923 - Vilagarcía de Arousa, 1999). "Hoxe esta sala énchese da mellor memoria e ten outra cor, a cor da dignidade", dixo o venres a presidenta provincial, Carmela Silva, na presentación deste conxunto de actividades promovidas pola Deputación.

A deputada provincial de Memoria Histórica, María Ortega; a técnica provincial do mesmo departamento, Montse Fajardo; o coordinador do centenario do artista, Antón Mascato, e dous fillos do homenaxeado, Enrique e Ana Conde Escuredo, acompañaron a Silva nun acto no que se reivindicou a figura deste creador. Os fillos indicaron que a familia dispón nestes momentos dunhas 1.700 pezas de Conde Corbal, ao que se referiron como "o último herdeiro da Xeración Nós, unha xeración luminosa que el revisou", en palabras facilitadas pola Deputación.

Segundo se explicou en Pontevedra, a edición "de luxo" de Fardel de guerra, que lanzará a institución provincial co título O fardel da memoria de Conde Corbal, recollerá 88 pezas comentadas por persoas do mundo da investigación, da memoria e da cultura como Xosé Álvarez Castro, Susana Sánchez Aríns, Héitor Picallo e Uxía Senlle.

Diario e carabela

Neto do empresario Benito Corbal (que lle dá nome a unha importante rúa de Pontevedra) e discípulo de Bibiano Fernández Osorio-Tafall e de Vicente Risco, Xosé Conde Corbal comezou a pintar acuarelas a mediados dos anos 50. Pouco despois xa realizaba exposicións e comezaba a colaborar con distintos xornais. Un deles foi o Diario de Pontevedra. Seus eran tamén os debuxos que decoraban o friso situado enriba da barra do Café Carabela, retirados tras a remodelación do local e en mans dos antigos propietarios do establecemento pontevedrés.

Dalgunhas destas cuestións relacionadas coa súa vida e a súa obra falarán distintos especialistas nas xornadas arredor de arte e memoria que a Deputación montou na honra de Conde Corbal. Serán inauguradas pola súa viúva, Margarita Escuredo. Participarán, entre outros, Antón Castro, Ángeles Tilve, Xavier Villaverde, Rosario Sarmiento, Kiko da Silva e Belén Constenla. Inscricións: depo.gal.

Comentarios