Nos cen anos de María Casares

A exposición 100% María Casares. O teatro é o refuxio, que ten por comisaria a Arancha Estévez, remata a súa itinerancia en Pontevedra ▶ Estará instalada na Praza de España ata o 2 de novembro

Arancha Estévez, Anxo Lorenzo e Carme da Silva, xunto aos paneis da exposición de María Casares, na Praza de España. DAVID FREIRE
photo_camera Arancha Estévez, Anxo Lorenzo e Carme da Silva, xunto aos paneis da exposición de María Casares, na Praza de España. DAVID FREIRE

"Para Pontevedra é unha honra que o percorrido da exposición remate aquí",dixo a concelleira Carme da Silva, este venres, na inauguración, na Praza de España, da mostra 100% María Casares. O teatro é o refuxio, que a Xunta de Galicia montou para conmemorar os cen anos do nacemento da actriz galega e que ten como comisaria á xornalista Arancha Estévez, autora da primeira biografía que se escribiu sobre a intérprete (1999). "Foi unha muller extraordinaria, xenerosa e exemplar ata o final da súa vida", sinalou a comisaria, que estivo acompañada polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo

A mostra, que repasa de xeito cronolóxico a vida de María Casares e que inclúe fotos pouco coñecidas como unha que ten co cineasta Jean Cocteau, comezou a súa itinerancia en abril en Santiago de Compostela e remátaa agora na capital da provincia. Composta por unha serie de paneis engarzados en forma de estrela e con deseño da empresa Era Comunicación, de Pontevedra, permanecerá instalada na Praza de España ata o 2 de novembro. 

Foi unha muller extraordinaria, xenerosa e exemplar ata o final da súa vida

"María Casares é unha das grandes personalidades galegas", explicou Arancha Estévez, que contou como, dentro dese conxunto de historias tristes, de derrotas e fracasos que é o exilio, a súa foi unha historia de éxito no país que a recibe. Nacida na Coruña en 1922, é filla do ministro republicano Santiago Casares Quiroga, "un dos políticos máis importantes do século pasado". Con 14 anos exíliase coa súa familia en Francia, a onde chega sen falar o idioma e acaba, ao pouco tempo, converténdose en primeira actriz.

"A partir dese momento a súa vida é un percorrido pola historia do século XX acompañada por algunhas das máis importantes figuras da época, de Albert Camus a Pablo Picasso pasando por Agnès Varda e Jean Cocteau". A exposición percorre a biografía de María Casares seguindo unha liña temporal dende que abandona Galicia ata que empeza a recibir unha chea de recoñecementos ao final da súa traxectoria. O seu éxito na Francia dos anos 40, a súa relación con Albert Camus, as incursións no cine, o seu paso por Latinoamérica e o encontro co exilio galego, Xenerosa e exemplar ata o final, a experimentación teatral e a volta a España da man de Rafael Alberti son algúns dos capítulos da vida da actriz nos que a mostra fai fincapé.
 

Kalandraka traducirá a biografía de Anna Plantagenet
Anxo Lorenzo aproveitou o acto en Pontevedra para lembrar que toda unha serie de publicacións e actividades recuperaron a figura de María Casares neste 2022 no que se cumprían cen anos do seu nacemento. Mencionou, por exemplo, unha serie de proxectos audiovisuais, entre os que están un que vén de presentar o director Xavier Villaverde (María Casares, a muller que viviu mil vidas) no Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF). Tamén anunciou que a editorial pontevedresa Kalandraka ten previsto publicar unha tradución da biografía da actriz galega que asinou Anna Plantagenet.

Comentarios