Nos eucaliptos non aniñan paxaros

Isaac Cordal intervén por primeira vez en Pontevedra da man do Concello, que o convidou a protagonizar a residencia artística da Illa das Esculturas ▶  A través das súas pezas, o autor propón unha reflexión sobre "a colonización dos espazos e a nosa decadencia como especie"
 
Unha das pezas de Isaac Cordal na Illa das Esculturas. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha das pezas de Isaac Cordal na Illa das Esculturas. RAFA FARIÑA

Son 16 pezas as que Isaac Cordal (Pontevedra, 1974) colocou nos últimos días en distintos espazos da cidade. "Hai oito na Illa das Esculturas e outras oito no centro histórico", conta o creador, que realiza por primeira vez unha intervención na súa cidade, Pontevedra, despois de facelo por medio mundo. Entre outras, as súas figuras humanas a pequena escala puideron verse en Barcelona, Bogotá, Berlín ou Londres. Aquí chegou da man do Concello, que o escolleu para protagonizar a primeira residencia artística que se convoca vinculada á Illa do Covo. "Levabamos tempo detrás del; vimos a oportunidade agora e aproveitámola", explicaron o día da presentación da residencia a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e o concelleiro de Patrimonio, Xaquín Moreda.

Cordal é hoxe un dos artistas pontevedreses contemporáneos que conta cunha maior proxección internacional. Vive a cabalo entre Bilbao e Bruxelas e entre os temas sobre os que acostuma a traballar están o fracaso da clase política, o cambio climático ou a falta de liberdade. En Pontevedra insiste nestas inquedanzas e convida a reflexionar, a través do seu traballo, "sobre a colonización dos espazos por parte dos seres humanos, a ausencia de biodiversidade, a nosa decadencia como especie e a nosa idea de progreso".

En concreto, o creador instalou oito caixiñas de paxaros en eucaliptos da Illa das Esculturas a modo de paradoxo, porque os paxaros non aniñan nos eucaliptos. "Eu lembraba a Illa das Esculturas como un eucaliptal. Quedeime con esa idea e sobre iso traballei", conta. "Relaciono esas plantacións de eucaliptos cun deserto verde, porque debaixo deles non medra nada. Quizais este traballo pode servir para reflexionar sobre a pérdida da biodiversidade, por exemplo". 

Intervención de Isaac Cordal no centro histórico de Pontevedra. RAFA FARIÑA
Intervención de Isaac Cordal no centro histórico de Pontevedra. RAFA FARIÑA

A maiores, as caixiñas están feitas con madeira queimada. Por unha banda, porque así selan mellor os poros da madeira e a intervención, pensada para ser efémera, como todas as de Cordal, poida resistir máis. "Por outra parte, está feito coa idea de conectar a obra co problema dos incendios forestais". A obra complétase cunha plaquiña solar que fai que as caixas se encendan automaticamente pola noite. 

Finalmente, dentro de cada caixa, o creador meteu unha das súas esculturas humanas. "Están ocupadas por esas pezas para reflexionar sobre como os seres humanos acabamos ocupando todos os espazos posibles da natureza, sen deixar nada sen tocar, sen impoñer a nosa presenza. Colonizamos todos os espazos".

A proposta de Cordal continúa no centro histórico, onde colocou outras oito figuras. Neste caso "conectadas directamente co traballo que veño facendo de xeito habitual noutras cidades".

A residencia artística que realizou o autor pontevedrés prolongouse dende o 15 de setembro ata onte. O Pazo da Cultura usouse como taller. A iniciativa complétase coa gravación dun documental por parte de Lois Cid, que rexistrou todo o proceso creativo.