Contra os que nos queren silenciar: 'Cantare, galegas!'

Ugia Pedreira, A Banda da Loba e Eva Mejuto protagonizan o acto do Día de Rosalía organizado polo Concello no Museo de Pontevedra

"Somos a única literatura do mundo que pode gabarse de ter sido fundada por unha voz feminina", dixo Sabela Bará. "Dous séculos despois seguen vixentes as súas denuncias e a súa loita". As vertentes galeguista e feminista de Rosalía de Castro foron este domingo reivindicadas no acto Cantare, galegas!, que o Concello celebrou no Museo de Pontevedra co gallo do Día de Rosalía, cando se conmemora o nacemento da escritora (24 de febreiro de 1837). Ugia Pedreira, A Banda da Loba e Eva Mejuto protagonizaron unha actividade, que foi presentada pola mestra do IES Torrente Ballester Sabela Bará. "Contra os que nos queren silenciar: Cantare, galegas!".

A escritora Eva Mejuto leu o manifesto que Ana Romaní escribiu para o Día de Rosalía 2019 por encargo da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). "Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción", comeza. "Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento".

Trala intervención de Mejuto, Bará volveu tomar a palabra. "A patria de Rosalía é, por enriba de todas, a habitada por mulleres. Combativa e solidaria, é unha fonte de inspiración para o feminismo galego".

Despois chegoulle a vez a Ugia Pedreira, que realizou unha acción musical na que mesturaba poesía e performance, a partir de poemas de Vaguedás (a primeira parte do libro Follas novas). Pedreira, á parte, explicou que esta proposta escénica fora un encargo do concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, "que me fai estas chamadas que me cambian a vida e que eu acepto como Indiana Jones".

O acto rematou cunha actuación da Banda da Loba. A agrupación, formada por cinco mulleres, interpreta tanto temas propios como versións de poetas como Celia Parra ou Rosalía Fernández Rial. Tocou Coma un blues, Bailando as rúas, Anagnórise (baseado no libro de María Victoria Moreno), Tecín soia e Nunca ninguén.

Comentarios