Nothing but the Blues velará polo legado musical de Dany Moure

A asociación cultural prepara para o 4 de maio unha homenaxe na honra do músico pontevedrés falecido o verán pasado
O músico Dany Moure durante un concerto en 2018. DAVID FREIRE
photo_camera O músico Dany Moure durante un concerto en 2018. DAVID FREIRE

Nothing but the Blues. Nada máis que o blues. É o nome da asociación cultural que vén de nacer en Pontevedra en homenaxe a Dany Moure, músico fundamental da escena local falecido de xeito repentino o verán pasado. "Únenos o cariño por Dany e temos por obxectivo preservar o seu legado na cultura musical da cidade", explica a súa parella, Katia Palmeiro, unha das persoas que está detrás do nacemento do colectivo.

Logotipo de Trinidad Tatto para Nothing but the Blues.
Logotipo de Trinidad Tatto para Nothing but the Blues.

Segundo di, a súa intención é facer unha presentación pública de Nothing but the Blues o 25 de abril. Nela darase conta de xeito pormenorizado das fins que persegue o colectivo e das actividades que porán en marcha. A primeira xa a avanzaron nas redes sociais: a celebración dun concerto homenaxe a Dany Moure o día 4 de maio, "o día que el faría 45 anos".

Segundo Katia Palmeiro, "o que perseguimos creando a asociación é que non desapareza a inquedanza que movía a Dany, que era o blues en galego". Ademais de ela mesma, na primeira xunta directiva do colectivo están outras persoas do círculo íntimo do músico: Marcos Rivas (sala Karma), Javi Prado e Pedro Romero (integrantes da súa banda Los Odiosos Cinco), a actriz Rocío Romero e Luís Otero (Urco Producións).

"Poñer en marcha algo en mememoria de Dany, algo na súa honra que mantivese vivo o seu legado, era unha necesidade", comenta Katia Palmeiro. "A asociación púxose en marcha dunha maneira moi espontánea e natural, case a partir dese comentario que nos facía tanta xente de Pontevedra. A partir de aquí nós simplemente queremos funcionar como catalizadores desa necesidade que aprezabamos que existía".

Así as cousas, Nothing but the Blues, que con cun logotipo creado a partir dun deseño de Trinidad Tattoo, inicia o seu percorrido nas contas que ten nas redes sociais Instagram e Facebook. Nelas explicaron cal cal é o seu espírito fundacional: "Recuperamos de Dany a súa forza e queremos transformala nun motor creativo".

Comentarios