Novas heroínas da banda deseñada galega

'Nerea. O príncipe da sorte', asinada por Pablo Prado e Miguel Rojo, é a obra gañadora do II Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, que publicará Xerais
MIGUEL PRADO E PABLO ROJO (2)

Unha das mellores curas para a alma, tamén en tempos de pandemia, é a arte. E se non que llo pregunten a Pablo Prado e Miguel Rojo, que veñen de facerse co II Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético pola súa proposta: Nerea. O príncipe da sorte. Esta obra foi creada durante o confinamento pola pandemia de covid-19, tal e como subliña o xurado do certame. Como premio, a editorial Xerais publicará este cómic que conta con guión de Rojo e debuxos de Prado ó longo da próxima primavera. O xurado do certame de banda deseñada, composto por Miguel Porto, Fernando Iglesias (Kohell) e Kiko da Silva, por parte do Garaxe Hermético, e Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais, destacou deste traballo "a atractiva proposta gráfica da obra de a cabalo entre a liña clara franco belga mesturada coa estética cartoon dos actuais debuxos animados".

Así mesmo, o xurado quixo destacar o ritmo narrativo da historia e unha composición de páxina dinámica e atractiva.

Nerea, o príncipe da sorte é unha historia de aventuras con doses de humor e cunha temática moi de actualidade. Conta a historia dunha nena que cae nun charco e a partir de aí desenvolvese unha historia divertida centrada na prevención da saúde.

MIGUEL PRADO E PABLO ROJO (3)

Pablo Prado, o debuxante, recibiu o Premio de Fin de Curso do Garaxe Hermético por O derradeiro libro de Emma Olsen que adapta a banda deseñada a novela homónima de Berta Dávila e debuxou Os berros da motocicleta, con guión de Kiko da Silva, que conta a vida da represaliada Josefina Arruti Viaño e foi publicada polo Concello de Pontevedra.

Pola súa banda, Miguel Rojo, o guionista, exalumno da segunda promoción do Curso Profesional de sábados é colaborador da revista A viñeta de Schrödinguer e acaba de rematar a súa primeira novela gráfica que sairá publicada por Retranca a finais de ano.

O PREMIO. O premio de banda deseñada O Garaxe Hermético está dirixido a alumnos desta escola de ilustración e banda deseñada que presenten traballos en lingua galega pensados para público infantil e xuvenil.

"O obxectivo deste premio é abrir oportunidades profesionais para o alumnado que está rematando a súa formación", destacara a organización. "Pretendemos que a primeira obra destes novos autores sexa editada en galego para contribuír á vitalidade e solidez da banda deseñada galega, profesionalizada e competente", engadiron sobre o certame que vai pola súa segunda edición.