Cinco novas novelas amplían a colección 'Historias para coñecermos Pontevedra'

Lourizán, a Illa das Esculturas, A Ferrería, San Mauro e A Caeira protagonizan a nova entrega da iniciativa de Diario de Pontevedra e da editorial Elvira  Os títulos estarán á venda a semana que vén nas librarías de Pontevedra
Historias para coñecermos Pontevedra
photo_camera Os novos títulos e os autores. DP

Volve ás librerías a colección Historias para coñecermos Pontevedra, de Diario de Pontevedra e da editorial Elvira. Cinco novas novelas amplían esta proposta na que escritores e xornalistas asinan historias ambientadas en diferentes espazos da capital da provincia. A nova serie presentarase o sábado 16 de decembro (10.00 horas, entrada libre) no Edificio Castelao do Museo.

María Varela, Santiago Lopo, Xabier Fortes, Mercedes Corbillón e Víctor Fernández Freixanes son os autores que suman as súas narracións ás xa publicadas por Tamara Andrés, Rafa Cabeleira, María Biempica, Rodrigo Cota e Fina Casalderrey o ano pasado.

Nesta ocasión, a xornalista María Varela ambienta a súa historia na parroquia de Lourizán. Leva por título A pantasma de Lourizán. Outra pantasma é a protagonista do texto do escritor Santiago Lopo, que escolleu a Illa das Esculturas como escenario e titulou a súa obra A pantasma da insua. O xornalista Xabier Fortes quedou coa praza da Ferrería e a súa contorna para escribir A sonata de Acuario. A libreira e escritora Mercedes Corbillón, que titulou o seu texto Volver, un tango pontevedrés, elixiu o barrio de San Mauro. E, finalmente, o escritor e presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, ambientou a súa novela na zona da Caeira. O título, Asalto ao tren da Portela.

Dende o día 18

Os cinco volumes poderán adquirirse o mesmo día da presentación no Museo de Pontevedra e, a partir do 18 de decembro, nas librerías da cidade.

A segunda parte da colección Historias para coñecermos Pontevedra vén a completar a primeira serie de libros, publicada o ano pasado por estas mesmas datas, co obxectivo de ampliar o corpus literario que ten en Pontevedra o seu escenario principal.

Historias2PNG

Daquela, a escritora e tradutora de Combarro (Poio) Tamara Andrés asinara Peixiño desnortado, un relato ambientado na zona monumental. O columnista e escritor Rafa Cabeleira era o autor de Caso pechado, un thriller que transcorría no barrio da Moureira. A vida de lonxe foi o libro da columnista e empresaria María Biempica que tiña a Alameda como escenario. O escritor e columnista Rodrigo Cota escolleu a parroquia de Cerponzóns para un texto cheo de humor, Asasinato de Mael de Serpentiones. E, finalmente, a escritora e académica da lingua galega Fina Casalderrey ambientou na súa parroquia, Lérez, A coidadora de outonos.

"O espírito desta colección é dar a coñecer os diferentes recunchos de Pontevedra", explicaba Fina Casalderrey a propósito do nacemento da serie de novelas curtas de Diario de Pontevedra e de Elvira. "Un lugar coñécese pola pegada arquitectónica, pola paisaxe, mais tamén polos acontecementos e pola súa xente. As escritoras non somos deuses capaces de crear da nada. Eu xogaba coa vantaxe de poder percorrer cos ollos pechados os diferentes lugares".

A alma dun espazo ten que ver coa paisaxe, pero tamén coa xente que a habita e cos sucesos que alí acontecen, dicía, pola súa banda, Rafa Cabeleira. "A xente, os lugares, os momentos. Ao final, todo vai conformando esa natureza propia dos sitios".

Comentarios