"'Novecento Cabaret' transporta a outro tempo, tanto na forma como na calidade dos artistas"

O espectáculo de danza-teatro Novecento Cabaret, inspirado no filme de Bertolucci e as vangardas dos anos vinte do século pasado, chega este mércores ás pistas de Campolongo da man do seu polifacético director, o artista multidisciplinar Nelson Quinteiro
Nelson Quinteiro (Foto Brun
photo_camera Nelson Quinteiro. BRUNO RODRÍGUEZ

Politólogo e artista a partes iguais, o director do xa veterano Festival Galego de Cabaret, Nelson Quinteiro trae ás 22.00 horas da noite do mércores ás pistas de Campolongo, e dentro da programación de verán da cidade de Pontevedra, un espectáculo de danza teatro e cabaré concebida como unha viaxe polas ideoloxías e correntes artísticas de principios do século XX.

En que consiste o espectáculo?
Novecento Cabaret é unha obra de danza-teatro inspirada no universo simbólico que abre a película Novecento de Bertolucci. É dicir, todo o que significaron as novas ideoloxías, cosmovisións globais e correntes artísticas de principios do século XX. Creamos unha historia dunha familia burguesa conserveira de principios de século que, mentres tiñan a fábrica, permitíanse o luxo de vivir a dolce vita e o dolce far niente, deixándose levar polas correntes artísticas, a música ou as novas ideoloxías, ata a chegada da guerra. Iso supón enfrontarse coa realidade, e a súa saída é o cabaret, como refuxio artístico pero tamén como refuxio profesional. A obra o que fai é abrir frascos de perfumes, e ábrese completamente á evocación.

Por que ese período e non outro?
O espectáculo pretende ser un corte transversal ao cabaré, desde finais do dezanove ata a actualidade, e como se inspira un pouco na vida de La Bella Otero, é a época que máis se parecía. 

Houbo un gran traballo de documentación previo?
Para crear coreograficamente a peza inspirámonos en fotos antigas, de artistas como Isadora Duncan, de cabarés antigos, ou tamén fotografías do arquivo fotográfico da familia Massó, que é moi bonito. 

Cal é o fío do espectáculo?
O espectáculo vai transcorrendo entre coreografías que están feitas a base de crear estampas, moi evocadoras, e que se basean en fotos reais. E xogar cos elementos como as bandeiras, que simbolizan as ideoloxías e as vangardas, ou coa plasticidade do movemento. Logo tamén ten un pouco de humor, dentro do que supón o cabaré como espazo de divertimento.

Que elementos inclúe?
O espectáculo está formado por dez artistas. Entre eles está unha pintora, Marta Quinteira, que irá debuxando un lenzo en directo mentres transcorre a peza. A peza, a parte dunha escolma musical moi evocadora, ten música en directo cun acordeonista como é Álvaro Cardalda. Tamén temos a Iván Villar, que fai unha fusión do baile galego e a danza contemporánea, a todo o corpo de cabareteiros da compañía, e a unha mestra de ceremonias, Adela Bertólo, que vai contando o relato.

Interactúase co público?
O cabaret pódese facer de moitas maneiras, e esta peza está feita como un espectáculo basicamente con cuarta parede, plenamente escénico e concebido para todos os públicos. Un espectáculo que transporta a outro tempo, tanto na maneira de facelo como no volume de artistas e a súa calidade dos artistas. É unha experiencia.

Comentarios