jueves. 28.01.2021 |
El tiempo
jueves. 28.01.2021
El tiempo

A novela 'Seique' da vilagarciana Susana Sanches, premiada na Gala do Libro

Susana Sanches. Através Editora
Susana Sanches. Através Editora
O ensaio Dentro da Literatura, de Suso de Toro, tamén recibiu galardón

A novela Seique de Susana Sanches Arins e o ensaio Dentro da Literatura de Suso de Toro alzáronse cos premios nas categorías de Narrativa e Ensaio e Divulgación nos premios da Gala do Libro Galego, que deu a coñecer o palmarés de galardoados da súa quinta edición após unha reunión telemática do xurado celebrada este sábado.

Este 9 de maio era a xornada elixida para a celebración da quinta Gala do Libro Galego, suspendida pola epidemia de coronavirus. Con todo, o xurado fallou a relación de gañadores do quince categorías que compoñen os galardóns promovidos pola Asociación Galega de Editoras (Age), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (Aelg) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG).

Na categoría de Ensaio e investigación, o premio foi parar a Suso de Toro coa súa obra Dentro da Literatura (Xerais), na que o autor compostelán reflexiona sobre a creación literaria e a conformación do carácter dun escritor.

En narrativa, o premio recaeu en Seique (Através Editora) de Susana Sanchez Arins, que conta a historia, a través dos tímidos testemuños dos seus familiares, dun tío avó seu que exerceu a represión como alcalde franquista nun pobo de Galicia durante a década de 1940.

A tartaruga Amodovou (Oqueleo) de Paula Carballeira venceu na cateogría de Infantil, mentres que no apartado de literatura xuvenil, Os corpos invisibles (Xerais) de Emma Pedreira levouse o premio.

En Libro ilustrado, Irmá Paxaro (Cuarto de Inverno) de Tamara Andrés con ilustracións de María Montes fíxose cun galardón que foi parar a Antonio Seijas con A chaira (Alita Cómics) na categoría de Banda deseñada.

O xurado tamén recoñeceu o primeiro tomo da investigación de Miguel Anxo Seixas Seoane ao redor da figura de Castelao –Castelao. Construtor da Nación. Tomo I. 1886-1930– publicado por Galaxia como a mellor iniciativa bibliográfica do ano, mentres que a tradución de Samuel Solleiro do clásico de Mary Shelley 'Frankestein ou o Prometeo moderno' foi enxalzada como a mellor das publicadas en 2019.

Completan o palmarés da Gala do Libro do Ano Feliz Idade de Olga Novo na categoría de Poesía e Citizen de Grupo Chévere –ambas as dúas editadas por Kalandraka– en Teatro, ademais de Fosforencias (Alvarellos) de Lupe Gómez con ilustracións de Anxo Pastor, que venceu no apartado de Libro mellor editado.

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

Como cada ano, a Gala do Libro tamén recoñeceu a traxectoria de proxectos e personalidades vincualdos ao mundo da cultura e a literatura. Así, a xornalista María Yáñez, directora da web Vinte, recibiu o premio de Xornalismo cultural, mentres que Kalandraka TV, o portal dixital da editorial pontevedresa gañadora dun Premio Nacional en 2012, foi recoñecido como o mellor Proxecto literario na internet.

Por último, a libraría compostelá Chan dá Pólvora, situada no barrio de San Pedro e que anunciou o seu peche recentemente, foi premiada como a Iniciativa cultural ou de fomento da lectura do ano 2019.

O xurado, composto por Ana Romaní, Anxos Rial, Antón Riveiro, Estíbaliz Espinosa, Manuel Bragado, María Alonso Seisdedos e Ramón Nicolás, destacou a "altísima calidade" de todas as obras, o que significa o "bo momento" que atravesa a creación literaria e do libro galego.

A novela 'Seique' da vilagarciana Susana Sanches, premiada na Gala...
Comentarios