Un novo libro sobre Concepción Arenal inclúe fondos orixinais de Pontevedra

Publicado polo Museo para celebrar os 200 anos da pensadora, recolle manuscritos de oito pezas de teatro en verso
As autoras do libro. DEPUTACIÓN
photo_camera As autoras do libro. DEPUTACIÓN

O Museo de Pontevedra vén de sumarse á conmemoración do segundo centenario do nacemento da pensadora, activista e escritora Concepción Arenal coa publicación dunha obra, Concepción Arenal. Obra dramática, que inclúe fondos da institución pontevedresa, como son os manuscritos orixinais de oito pezas de teatro en verso. "Trátase da transcrición dalgúns dos fondos orixinais que custodia a institución e que permaneceron inéditos ou case inéditos ata o momento", indica o Museo, que tamén sinala que as autoras do traballo son Eva Pena Rodríguez e María Jesús Fortes Alén.

Segundo o Museo, o volume recompila "oito obras de teatro en verso moi representativas da súa faceta literaria, menos coñecida e difundida que a súa produción teórica e social". As pezas permiten repasar algunhas constantes do pensamento de Concepción Arenal: o sentido da honra, o perdón, a redención, a fidelidade, os conflictos persoais internos e o difícil papel da muller da época, por exemplo.

HERDEIROS. O Museo tamén lembra que os orixinais da producción escénica de Arenal están custodiados en Pontevedra por decisión dos herdeiros da autora, "que confiaron nesta institución para preservalos para o futuro". Sobre o estado no que se conservan, di que é moi desigual: "algúns consérvanse como borradores nos que houbo que facer un cotexo dos distintos apuntamentos para darlle un sentido lóxico á trama ata o seu desenlace (...), mentres outros, pola súa presentación, encadernación e caligrafía pode dicirse que foron dados por rematados pola propia autora". Os manuscritos do Museo formaron parte, este último ano, de distintos actos a nivel estatal na honra de Concepción Arenal.

Comentarios