viernes. 21.02.2020 |
El tiempo
viernes. 21.02.2020
El tiempo

CEN ANOS DE LEOPOLDO NÓVOA

Nóvoa vólvese eterno

Unha das obras de Leopoldo Nóvoa. RAFA FARIÑA
Unha das obras de Leopoldo Nóvoa. RAFA FARIÑA
O Museo de Pontevedra réndelle homenaxe ao creador de Salcedo no centenario do seu nacemento cunha mostra que repasa, a través de medio cento de obras, o conxunto da súa traxectoria

"Estoy en el taller frente al cuadro en estado avanzado. Fumo un habano. Bebo un ron añejo de Cuba. Nada, nada puede hacerme más feliz en este momento". Escribiuno Leopoldo Nóvoa nunha libretiña con apuntes de traballo. Dende este xoves pode verse na exposición que lle adica o Museo de Pontevedra. "Este é un dos máis grandes artistas galegos da segunda metade do século XX".

A mostra, montada a modo de homenaxe no centenario do nacemento do autor, un dos máis importantes da arte contemporánea galega, ofrece un percorrido pola obra de Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919- París, 2012), dende os seus primeiros cadros realizados en Montevideo (Uruguai) nos anos 40 ata o último, do ano 2010, feito en Armenteira (Meis).

Conformada por arredor de medio cento de pezas, entre cadros, libros ilustrados, documentos persoais e esculturas, a exposición está comisariada por Rosario Sarmiento e inclúe un traballo audiovisual de Xurxo Lobato no que distintos especialistas analizan o legado do artista. A maiores, Leopoldo Nóvoa (1919-2019), concibida como "unha homenaxe a un home e a un artista extraordinario", complementararase cunha serie de actividades como mesas redondas, visitas guiadas e obradoiros, segundo anunciou o director do Museo, José Manuel Rey, que quixo agradecer a colaboración de distintas institucións e particulares para a realización desta exposición, especificamente á familia de Nóvoa, á súa filla Sabela e a súa sobriña Mercedes Bragante, e de xeito especial á súa viúva, Susana Carlson, que estivo o na inauguración da mostra no Sexto Edificio.

Inauguración da mostra de Leopoldo Nóvoa. RAFA FARIÑA

Rey destacou ademais a conexión permanente entre vida e obra do artista, algo que tamén subliñou Rosario Sarmiento. "A súa obra é a súa vida. O seu pulso vital reflíctese nela".

Para a comisaria do proxecto, esta exposición "é a homenaxe que Leopoldo Nóvoa merecía por todo o que significou en Galicia e fóra de Galicia".

"A materia, o espazo e a luz son os tres elementos que marcarán o seu traballo e que non o abandonarán nunca", destacou Rosario Sarmiento

EMIGRANTE. Sarmiento, que sinalou que toda a traxectoria do artista "está marcada pola viaxe, polo emigrante que vai e vén, e que sempre ten que volver empezar", propón no Sexto Edificio un percorrido cronolóxico polo traballo do creador, que comeza coas primeiras obras que realizou en Montevideo, sendo mozo e fortemente influenciado por Joaquín Torres García. Outro persoeiro relevante, Luís Seoane, é o que o marca na súa seguinte etapa, a que transcorre a partir de 1947 en Bos Aires. Nesta cidade realizará a súa primeira exposición, no ano 1953, na galería Velázquez. "Os traballos que realiza durante estes anos gardan a memoria do que viviu durante a súa infancia en Galicia".

En 1957 volve a Montevideo. As obras que se mostran no Museo confirman como é nese punto "cando a materia comeza a cobrar protagonismo". Sarmiento comentou como ese é o momento no que Jorge Oteiza se converte na súa terceira gran influencia da etapa americana. "Achégase á abstracción", explicou a comisaria. "A materia, o espazo e a luz son os tres elementos que marcarán o seu traballo e que xa non o abandonarán nunca".

Neste reinicio permanente que caracteriza a vida e a carreira de Leopoldo Nóvoa, París supón unha nova volta a comezar. Alí se trasladará en 1965. "Volve empezar de cero. Aquí é un perfecto descoñecido". Fundamental nesta etapa son as súas relacións con artistas latinoamericanos que viven alí, como Julio Cortázar, e, sobre todo, co galerista Edouard Loeb. "A conexión con Loeb é fundamental. Expón na súa galería e da súa man chega a transformación definitiva nun artista internacional". A súa obra viaxa a Italia e Alemaña. "Comeza a realizar a súa pintura tridimensional coa introducción de elementos a maiores na tela".

INCENDIO. O incendio do seu estudio en París, do que se mostran fotografías na exposición, supón un episodio dramático na carreira de Nóvoa, segundo contou Rosario Sarmiento. "Perde arredor de 2.000 pezas, a totalidade da súa obra. Queda devastado. Di que fica como un home sen historia. E comeza entón a pintar dunha maneira frenética". Segue traballando na búsqueda de volumes e profundizando na monocromía.

En 1983, en colaboración co seu amigo o arquitecto Celestino García Braña, constrúe unha casa en Armenteira, un espazo fundamental no que realizará toda a obra da última etapa da súa vida. "Penso que é o mellor lugar para entender a Leopoldo e á súa obra". As pezas que saen dese estudo, "dunha gran beleza plástica e dun profundo dramatismo", introducen un elemento clave no seu traballo: as cinzas. "Pinta a guerra, a dor, a emigración, a morte. Son traballos de total actualidade. Todo o que sucede no mundo está aquí".

A exposición, que permanecerá aberta ao público no Sexto Edificio ata o 26 de abril, remata coas últimas obras realizadas por Nóvoa. "Son cadros que el dicía que deixaba deshabitados para que os habitara a espiritualidade do espectador".

Nóvoa vólvese eterno
Comentarios