Novos Cinemas multiplica as actuacións musicais no festival co ciclo "Noites"

Selvática, Esposa, Disco las Palmeras!, Rayotaser, Pantano, Trompas de Farlopio e Glitter&Litter actuarán entre o 11 e o 16 de decembro na sala Karma

Foto promocional de Esposa.
photo_camera Foto promocional de Esposa.

A música en directo gaña protagonismo na terceira edición do Festival Novos Cinemas de Pontevedra. Os concertos multiplícanse no evento, que terá lugar na cidade entre o 11 e o 16 de decembro, grazas á colaboración da sala Karma.

A organización do festival artellou unha programación musical especial, que se agrupou baixo o lema "Noites". Por este ciclo pasarán algúns dos grupos da escena independente máis interesantes da actualidade galega. Entre eles están Selvática, Esposa, Disco lasPalmeras!, Rayotaser, Pantano, Trompas de Farlopio e Glitter & Litter.

A programación comezará o mércores 12 de decembro cunha pinchada de integrantes do proxecto Galician Bizarre, que se repetirá na Sala Karma ao día seguinte. "Galician Bizarre contará cunha destacada presenza a través de concertos de bandas e de pinchadas que bucearán pola historia da música galega dende os anos 50 ata a actualidade", indica a organización.

POST PUNK CASTIZO. A pinchada do 13 de decembro en Karma compartirá protagonismo co concerto de Selvática, «banda que nos inundará co seu post-punk castizo, aromas de selva escura e pop etéreo». Finalizarán a noite Lúa Zalamera e Arturo Delgado Pinchadiscos.

O venres 14 será a quenda das bandas locais cos directos do garage de Pantano, Trompas de Farlopio e o rock'n'roll, a actitude desafiante e as letras glam de Glitter & Litter. Aos pratos contarase con M. Lewinsky e Diego de la Church.

Finalmente, o sábado 15 haberá unha sesión vermú na Casa da Luz para presentar o "Galician Bizarre III" e actuará Esposa. O día rematará co noise rock de Disco Las Palmeras!, o post-tropicalismo de Rayotaser e as pinchadas de Sr. Fiuza e JT DJ.

Comentarios