Novos Cinemas pon luz a un ano escuro para a cultura desde a Boa Vila

O cineasta Lois Patiño foi o encargado de inagurar o festival internacional no Teatro Principal coa proxección de Lúa vermella
Un momento da inauguración do festival.DP
photo_camera Un momento da inauguración do festival.DP
Nin a covid-19 nin a chuvia que caeu onte puido coa quinta edición de edición de Novos Cinemas. O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra botou a andar na noite deste martes rodeado de todas as medidas de seguridade que marca a pandemia e o mesmo entusiasmo dos novos creadores que cada ano ateigan a pantalla do Teatro Principal de talento.

E fíxoo cunha fórmula híbrida que durante estes días combinará as sesións presenciais no Teatro Principal e o Museo Provincial, con emisións por internet a través da plataforma Filmin.

Os organizadores amosáronse "orgullosos" de ter sacado adiante a cita pontevedresa co cine, malia a situación de crise sanitaria actual que ameaza todo acto cultural. Tamén as autoridades que participaron na presentación, tanto a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, como a concelleira Carme Fouces, aplaudiron o empeño dos organizadores por seguir apostando pola creación nestes tempos complicados.

Foi Lois Patiño Lois Patiño, o encargado de inaugurar o festival con Lúa vermella, unha das películas galegas de 2020 e que se puido ver na Berlinale. O cineasta deu paso á proxección coa que arrincou o programa.

SEGUNDA XORNADA. Novos Cinemas continúa hoxe coa proxección especial da aula +NOVOS. Nela proxectarase, para o estudantado de bacherelato artístico de Pontevedra, o documental Dorothé na Vila, dos cineastas Olaia Tubío e Alejandro Gándara. Esta sesión terá lugar ás 9.30 horas no Teatro Principal. A peza segue os pasos da musicóloga suíza Dorothé Schubarth no seu percorrido por Galicia a finais dos anos 70 na busca de cantos antigos desaparecidos en Europa Central.

Ás 12.30 horas, no Teatro Principal, darán comezo as proxeccións dos filmes que xa compiten nas diferentes categorías do festival. A esta hora, será a quenda de Mamá, mamá, mamá, película da Sección Latexos dirixida por Sol Berruezo (Arxentina).

Xa pola tarde inaugurarase a Sección Oficial, que desta volta está composta por nove primeiras ou segundas longametraxes, case na súa totalidade inéditas en Galicia. Ás 15.30 horas proxectarase The trouble with natura, a primeira película de Illum Jacobi, unha road movie de época baseada na historia do filósofo Edmund Burke. Ás 18.00 pasarase Il n" y aura plus de nuit, da francesa Eléanore Weber. Esta película, que foi premio do Xurado Novo no Cinéma du Réel 2020, emprega na montaxe gravacións de vídeo das forzas armadas estadounidenses e francesas en Afganistán, Iraq e Pakistán para buscar novas formas de ver. Estes dous últimos filmes será estrea en Galicia.

A xornada rematará coa proxección de Fortezza, a primeira película dos cineastas Ludovica Andò e Emiliano Aiello (Italia), que tamén forma pertence Sección Oficial deste Novos Cinemas. Terá lugar ás 21 no Teatro Principal.

As entradas para asistir ás proxeccións de pago poden adquirirse a través de ataquilla.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal a partir de dúas horas antes do inicio de cada sesión.

Comentarios