"Nunca existiu o Imperio español"

Nin Reconquista, nin Imperio español. O historiador e profesor (durante máis de 20 anos foino no IES Torrente Ballester) Francisco Calo Lourido desmonta no seu último libro algúns dos mitos sobre os que sustenta a historia de España. O Museo de Pontevedra acolle este martes a presentación desta obra que vén de publicar a editorial Xerais
O profesor e historiador Francisco Calo Lourido. CEDIDA
photo_camera O profesor e historiador Francisco Calo Lourido. CEDIDA

"Todas as nacións inflaron a súa historia ata onde puideron", asegura Francisco Calo Lourido (Porto do Son, A Coruña, 1948). Historiador, antropólogo e arqueólogo, durante máis de 20 anos profesor no IES Torrente Ballester de Pontevedra, a cidade na que se afincou, Calo Lourido é autor de diferentes ensaios sobre a cultura castrexa ou o mundo do mar. Agora publica A historia de España baseouse en falacias (Xerais, 2023), que este martes (19.00 horas, entrada libre) presenta no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acompañado polo presidente da asociación Maio Longo, Xosé Abilleira, e pola responsable de comunicación da editorial que saca a obra, Sara Vila.

A historia de España baseouse en falacias?
Non é ningunha cousa estraña. Se en vez de analizar a historia de España se analizase a historia de Francia, Inglaterra, Portugal ou de calquera outro país, pasaría o mesmo. De feito, xa houbo quen me aconsellou que fixera un libro semellante, pero sobre o conxunto de Europa. Non me dá o tempo para tanto. É certo que sempre se fixeron listaxes de reis, crónicas, etc., pero, ao chegar o século XIX, que se coñece como o século das nacións, a cousa complicouse porque todas quixeron ter un bo curriculum. E igual que hai que persoas que inflan o seu curriculum, as nacións fixeron o propio: inflaron a súa historia ata onde puideron. Xa deixou dito o Padre Feijoo que os historiadores sempre queren engrandecer a patria, porque algo tamén lles toca nese engrandecemento.  

Non houbo Reconquista?
Se a xente á que sorprende esa afirmación vivise no século XVIII,  non se estrañaría, porque naquel momento ninguén oíra falar nunca da Reconquista. Mira se a cousa é recente. Ata aquel momento chamábase Restauración. Foi [Antonio] Cánovas del Castillo no século XIX o que quixo que ese termo quedase asociado á restauración borbónica e, polo tanto, impulsou o de Reconquista, unha denominación xa usada por algún outro, para aquela etapa. Pero é que ademais os feitos en si son absurdos. Para empezar non se pode falar de algo que se está reconquistando 800 anos. E xa non digo o caso de Granada, o último espazo que en teoría se reconquistou e que nunca fora cristiá antes. Granada é unha creación musulmá. Como se ía entón re-conquistar? Como dicir que os Reis Católicos expulsaron a Boabdil á súa terra. Que parvada é esa? A terra de Boabdil era na que vivía. A súa familia levaba gobernando Granada dende 1237 mentres a familia de Fernando o Católico só levaba en Aragón dende 1412 e a de Isabel en Castela dende 1369. Xa me dirás. 

A historia de Galicia tamén se baseou en falacias, como todas as demais. O que pasa é que, como nunca chegamos a ser unha nación con estado, foron moitas menos

E tampouco houbo Imperio español?
Nunca existiu  o Imperio español. O único emperador que houbo no que hoxe chamamos España, que daquela non existía, foi Carlos V. Pero era emperador en Alemaña, en Centroeuropa. España nunca pertenceu ao imperio. E non é que o diga eu, xa o dixeron os comuneiros cando se lle sublevaron alá en 1520. Concretamente un dos creadores do dereito internacional, [Francisco de] Vitoria dixo que España nunca fora nin era do imperio. O imperio era Austria, era Borgoña, era Flandres... Que se di tamén Carlos I de España, si, porque efectivamente este home, nacido en Gante e que nin sequera falaba palabra de ningún dos idiomas peninsulares, tiña aquí unhas fincas no Reino de León, de Castela, onde estaba incluido o de Galicia, e de Aragón, territorios que herdou e dos que veu tomar posesión. Chegou aquí rodeado de flamengos, que desprezaban aos casteláns chamándolle "os nosos indios" e que saquearon todo o que puideron. Felipe II quixo herdar o imperio e seu pai defendeuno con uñas e dentes en Augsburgo, pero os alemáns nin de coña querían un español como emperador seu. Se nos referimos ás Indias, a iso só lle podemos chamar imperio no sentido no que llo chamamos a Zara ou a Microsoft, algo que dá moitísimos cartos, pero nunca imperio dende o punto de vista xurídico. Aínda che dou un dato máis: sabes iso que se di aquí de que no imperio español non se poñía o sol? Todos o temos escoitado. Vale, pois iso mesmo tamén se di en Austria e en Alemaña. É unha expresión vivísima neses dous países e con bastante máis razón.

Non escribiu este libro cun certo afán provocador?
Pois non. O que pasa é que estaba farto de levar 30 e tantos anos dicíndolles ao meu alumnado, coidado, isto non é exactamente así. Que aínda hoxe haxa que reproducir a historia oficial en segundo que circunstancias é outra cousa. Por exemplo: nas probas da selectividade. Pero tamén hai que aprender a ser críticos e rigorosos e separar os datos dos que dispoñemos do que poden ser as lendas. Porque igual que na relixión hai señores que pontifican, tamén os hai no mundo da historia. Non temos Biblia, pero é igual. Os profesores tivemos moito tempo a obriga de repetir o mesmo que os cregos repetían o da Santísima Trindade, aínda que ninguén entendese nada daquel misterio.

A historia de Galicia tamén se baseou en falacias?
A historia de Galicia tamén se baseou en falacias, claro que si. Como todas as demais. O que pasa é que, como nunca chegamos a ser unha nación con estado, foron moitas menos. Digamos que o nivel de falacias é menor. Había unha viñeta de El Roto que dicía: «Historiador, la patria te necesita». Era moi certeiro. Os historiadores son esenciais para que a patria sexa algo. Pero como en Galicia nunca se chegou a nada, ese tipo de construcións foi menos relevante. Con todo, ves cada cousa por aí... Algunha vez haberá que revisar todo iso.

Comentarios