Nuria Díaz, ilustradora

"Un libro sobre Wes Anderson é un carameliño"

Lunwerg vén de publicar un libro-homenaxe ao cineasta Wes Anderson. A autora é Nuria Díaz. O día 27 preséntao en Vilagarcía

Nuria Díaz (Vilagarcia, 1982) co seu libro. CEDIDA
photo_camera Nuria Díaz (Vilagarcia, 1982) co seu libro. CEDIDA

A idea deste libro-homenaxe a Wes Anderson foi súa? Ou foi un encargo?
Foi un encargo da editorial Lunwerg. Eu xa traballara anteriormente con eles, ilustrando un libriño [Fit Girls, 2017]. A finais do verán do ano pasado preguntáronme se estaría interesada en facer un libro-tributo a Wes Anderson, porque non había nada así en España e porque este ano se estreaba a súa nova película [Isla de perros], e aceptei.

Pero vostede xa era fan del ou tivo que poñerse a investigar para poder sacar adiante o traballo?
Non, non, eu xa era fan. De feito, xa tiña feito algunha ilustración inspirada nalgún dos seus personaxes. Pillábanme coa filmografía vista. Ademais, o meu estilo ilustrando adaptábase moi ben ao universo estético de Wes Anderson. Conxeniabamos (ri).

É que casan perfectamente o traballo dun e doutro.
O tema das cores, das composicións... Son cousas que eu tamén fago habitualmente. Nese sentido, eu tamén traballo con cores pastel, con composicións centrais, con simetrías... Que me propuxeran facer este libro, para min foi un carameliño.

Cal é a súa película favorita?
Pois mira, teño unha especie de podio con tres que vou cambiando de posición segundo o momento no que me pilles. Así que non teño unha favorita, teño tres que van bailando: Moonrise Kingdom (2012), Los Tenenbaums (2001) e Fantástico Sr. Fox (2009).

"Todo me inflúe: cancións, películas, a vida mesma, o que me pasa... Cústame definirme. Depende do momento vital"

Marcouse algún tipo de pauta á hora de facer o libro? Había cousas que quería que apareceran sen falta tanto en canto a estilo como a contidos?
En realidade, foi xurdindo todo dun xeito natural. Quero dicir, que hai ilustracións que son interpretacións que eu fago das súas películas e outras que son planos de filmes practicamente calcados. Pero mira, si, unha cousa que tiven moi claro dende o principio é que quería que este repaso á súa obra fose dentro dun hotel. Porque as historias das súas películas sempre están dentro de algo. Ou dentro dun libro, ou dentro dun falso documental... Esta estrutura do hotel, dalgunha maneira, era necesaria para min. Quería que fose como unha especie de matrioska. O primeiro que fixen foi unha estrutura do que serían as diferentes habitacións e, a partir de aí, comecei a traballar o texto e, despois, foi cando decidín que tipo de ilustracións iría en cada páxina.

É este un libro para fans? Ou para non iniciados?
Tanto para uns como para outros. É evidentemente un libro para fans. Porque o fixen pensando no libro que a min me gustaría ler como fan de Wes Anderson. Pero tamén creo que funciona moi ben para achegarse ao seu cine sen moito coñecemento previo. Porque este é un autor que fai un traballo moi persoal, cunha visión moi particular, que ás veces produce, nun primeiro momento, rexeitamento. Pode parecer que fai un cine superficial e que non hai nada máis alá. Pero o cine de Wes Anderson, a pouco que te pares, ten moita profundidade. O libro axuda a achegarse a todo iso, a todo o que hai detrás: referencias, inquedanzas como creador, etc.

E sabe se a el lle gustou o libro?
Eu creo que non o coñece! Molaría que lle chegase, que o tivese nas súas mans e saber que lle parece. Sería unha honra. É un libro feito en homenaxe ao seu cine.

Vaino presentar por aquí preto?
O 11 de decembro presenteino en Madrid. E o 12 en Santiago. Á semana seguinte vouno presentar en Vigo, en Vaidhe, e o 27, en Vilagarcía, no Salón García.

Pasou vostede pola facultade de Belas Artes de Pontevedra. Que recordo garda dela? Que aprendeu?
A nivel de ilustración, a verdade é que pouca cousa. Eu son autodidacta. Fixen a carreira porque quería debuxar e non tiña moitas máis opcións. Fun un pouco a cegas. A ilustración veu moito despois. Nunca pensei en ser ilustradora nin sabía moi ben o que era iso. Cando rematei Belas Artes encamiñei a miña traxectoria ao deseño gráfico. Traballei en varias empresas ata que un día quedei no paro e me puxen a debuxar. Aí foi cando empecei a pensar máis en serio en ser ilustradora e nos pasos que tiña que dar para facelo. Fixen un portfolio e pouco a pouco empecei a traballar.

Pero era unha cativa que xa debuxaba ou todo xurdiu sendo adulta?
Non, non. Eu sempre debuxei. De pequeniña, de adolescente... Pero sempre por pracer. Sen ningunha idea de ser profesional. Só cando quedei no paro, empecei a pensar nas posibilidades que tiña de vivir dos meus debuxos.

Que diría que caracteriza o seu traballo?
De verdade que non sei dicir! Evidentemente gústanme algúns ilustradores, pero penso que todo me inflúe: cancións, películas, a vida mesma, o que me pasa, o que vexo, o que penso. E, despois, todo depende do momento vital. Nunha etapa gústame unha cousa, noutra outra. En canto ao estilo, din que o que fago ten un aire naïf, sinxelo, poético... Como a min me custa definilo, cando coñezo estes comentarios sempre me sorprenden: Ah, mira, isto é o que lle chega á xente.

Na súa web, www.nuriadiaz.es, tamén vende láminas, libretas, chapas...
Si, teño unha tenda on-line.

Algo cada vez máis habitual entre deseñadores e ilustradores.
É que o mundo está moi mal. E iso é unha oportunidade que tes de diversificar, de depender do teu propio traballo neses momentos nos que te chaman menos.

Comentarios