O arrebato pictórico de Manolo Araúxo

Veterinario en Pobra de Trives, o creador pontevedrés debuta no mundo da pintura aos 47 anos cunha exposición en Bueu

"Estaba cheo de medos e inseguridades, así que decidín agardar", conta Manolo Araúxo (Pontevedra, 1969). "Deime unha marxe de cinco anos antes de pensar en expoñer". Este ano cumpriuse ese lustro dende que comezou a tomarse o da pintura en serio e pasou a adicarlle entre cinco e oito horas diarias. Así que reuniu nove dos seus traballos máis recentes e montou a exposición ‘Achengádome’ no espazo expositivo O Forno de Bueu. Poderase visitar ata o 5 de agosto.

Veterinario en Pobra de Trives (Ourense) dende hai 19 anos, Manolo Araúxo pinta dende cativo. A arte tiráballe dende entón, pero durante anos non lle deu máis creto que a un pasatempo. "Son autodidacta. Todo o fun aprendendo pola miña conta, esforzándome por mellorar, revisando información en internet...", explica. "Pintaba por temporadas e con moito medo a estalo facendo mal".

Algo cambiou no ano 2011. Araúxo decidiu tomar máis en serio a súa afección á pintura e comezou a adicarlle o tempo libre que lle deixa o traballo de veterinario autónomo que se move en coche pola comarca inseminando vacas e tratando ovellas. Empeza a botar horas fronte ao lenzo á tarde, de noite ou de madrugada, segundo cadra. Ponse un prazo para mostrar o que fai: cinco anos. Despois exporá. Despois é agora. Ten case 50 anos.

"Pintar é o que máis feliz me fai", di o autor, que admira a Lucian Freud e que se especializou en retratos e bodegóns



PÍAS. "Todo o atopo na casa", di Manolo Araúxo sobre o seu traballo, no que cambiou o óleo polo pastel e gusta dos grandes formatos (de 1 metro por 70 centímetros son moitas das súas obras). "Agora mesmo estou facendo unha serie sobre baños e pías para lavar a louza". Pode verse na súa conta de Instagram (manolo_arauxo).

Personaxes da súa vida cotiá son tamén os protagonistas dos seus retratos, nos que centrou boa parte da súa experiencia pictórica. "Busco á persoa que me interesa. Ás veces vou á súa casa, outras veñen á miña. Fago sesións de fotos longas. Ás veces durante varios días, ás veces con media hora chega. Depende. Despois escollo a foto que máis me gusta". E fai o retrato.

Nestes traballos nótase a influencia do pintor alemán Lucian Freud, que recoñece como un referente. Unha frase súa sérvelle de subtítulo da exposición de Bueu: "A aura dunha persoa ou dun obxecto é tan parte del como a súa carne".

Os obxectos da vida cotiá son o outro eixe do seu traballo. Ten pintado unhas botas ou unha lata de atún xunto a un tarro de tomate. "De cando en vez, cánsome de facer retratos e entón pinto bodegóns. É o que fago. Non me imaxino pintando paisaxes, a verdade. Cada un ten o seu xeito de traballar". El elixe o que coñece ben e ten preto. E achégase ao que sexa, persoa ou cousa, dun xeito realista. "Por iso se titula así a exposición, ‘Achegándome’, porque é o que estou facendo: achegarme ao hiperrealismo, ao máis próximo a min, ao detalle das cousas sinxelas", explica.

CASTIÑEIROS. A Manolo Araúxo adicoulle o xornalista Manuel Jabois unha columna en el xornal El Mundo en 2012. "Manolo es veterinario en Terra de Trives y además amigo mío. De lo primero cobra y de lo segundo gasta, porque nos hace fabadas, croca y descorcha vinos muy caros. Tiene una casa inmensa que le dibujaron su hermana y su cuñado; al despertarse ve su propio bosque lleno de castiñeiros y niebla baja, como de cuento de Fernández Flórez, y a Truman gobernándolo, un mastín paciente y tímido", escribía.

No texto expoñía o carácter de Araúxo e a súa forma de vida: "Escucha uno hablar a Manolo de lo que conoce y es como si le agarrase el cuello del útero a Galicia y le inseminase algunas verdades (...). Manolo tiene un bigote grandísimo y pasa los días en soledad estricta. Es un anfitrión exagerado, de los que invitas a tu casa y tienes ganas, llegada la hora de la despedida, de marcharte tú y dejarlo a él dentro".

Cando Araúxo dá co que quere pintar, lévao ao lenzo coidando a luz e, sobre todo, a cor. "Trato aos obxectos como se fosen persoas. Despois busco a luz. Finalmente pinto o que vexo. Trato de trasladar ao cadro a forza da imaxe".

Con esta mostra nace a carreira dun artista. "Durante moito tempo acumulei medos sobre o meu traballo. Pensaba que non sería capaz de chegar a facer algo que quixese expoñer". Finalmente, acabou impoñéndose o desexo primario de pintar. "É o que máis feliz me fai".