O Atlantic Fest presenta o seu programa a bordo dun barco na ría de Arousa

A primeria edición do festival celebrarase do 1 ao 3 de xullo na Illa de Arousa. Máis de quince artistas conforman o cartel
Presentación do Atlantic Fest, este mércores
photo_camera Presentación do Atlantic Fest, este mércores

O programa completo do Atlantic Fest, que se celebrará do 1 ao 3 de xullo na Illa de Arousa, foi presentado este xoves nun acto que tivo lugar a bordo dun barco pesqueiro, en plena ría.

A dirección do festival, con Antonio Caneda ao frente, presentou todas as actividades que conforman o programa da primeira edición do festival. Xunto a el estiveron representantes dos distintos patrocinadores: Concello da Illa de Arousa, Deputación de Pontevedra, Consellería de Cultura e Educación, Turismo Rías Baixas, Galicia Calidade, Movistar e Estrella Galicia.

O cartel do festival compóñeno artistas internacionais da talla de José González, Tindersticks, Nacho Vegas, Niño de Elche, Be Forest ou Álex Cooper, ademais dos galegos Xoel Gómez, Malandrómeda, Pantis, Músculo, Diola, Pálida e Bala.

As actividades enmarcadas neste festival esténdense desde o escenario principal da praia do Bao ata o auditorio municipal, pasando polas tabernas da Illa ou mesmo a praza de abastos. O obxectivo da empresa organizadora, New Live Producciones, é crear un evento "capaz de atraer a públicos de todas as idades, con especial atención ás familias, a través dun programa que prima o deseño e a localización especial de cada recital para conseguir experiencias únicas".

GALICIANTUNES. Entre as actividades do Atlantic Fest atópase o mercado discográfico GalicianTunes, organizado en colaboración con Agadic. O seu director, Jacobo Sutil, explicou que o obxectivo é promocionar a música galega. Actualmente na web www.galiciantunes.com hai 1.330 vídeos musicais galegos, 850 discos, 23 festivais e 334 artistas e grupos.

Celebrarase, así mesmo, un programa de charlas e coloquios e mesmo concertos en formato showcase de recoñecidos intérpretes galegos, como Xoán Curiel ou Silvia Penide.

Comentarios