2011, ¿Año Pesqueira?

Neste 2011 que vén de estrearse cúmprense cen anos do nacemento de Manuel Pesqueira. Tan descoñecido fóra coma destacado dentro das filas do galeguismo, este pintor naceu en Lantañón (Meis) en 1911 e comezou a estudar en Pontevedra no 1927, onde entra en contacto con históricos coma Castelao ou Alexandre Bóveda. O tempo que compartiron callou nel, e xa de novo embarcouse no proxecto galeguista, impulsando a formación de dúas agrupación do Partido Galeguista en Meis durante a II República, que se situaban en Paradela e na Armenteira.

No 1936, coa Fronte Popular no Goberno de España, foi concelleiro de Educación da súa vila natal, a mesma onde a día de hoxe segue a ser "un perfecto descoñecido". Así o dixo o BNG, quen rexistrou na corporación municipal unha moción ara lembrar oficialmente a efeméride. O apoio atópano os nacionalistas nas redes sociais coma o Facebook, onde un evento creado pide 'sinaturas' para que o 2011 sexa declarado Ano Pesqueira.

"Os cadros que pintou coa man esquerda expresan suficientemente os seus sentimentos e técnicas autodidactas, tendo por escola a natureza de Meis e Portas, coas súas xentes, festas, traballos e formas de vivir", di a proposta da formación frontista, na que tamén se reclama a creación dun museo dedicado ao artista, que a biblioteca municipal e unha rúa da localidade pontevedresa leven o seu nome, e que se organicen conferencias e exposicións para quitar do anonimato ao pintor e político galeguista, que faleceu en Poio no 1988.

Comentarios