Cabaret de entreguerras

Os premios melloran moito sen os agradecementos. Como as ceas de Nadal melloran moito sen a familia. Pero son condicións inexcusables. Os María Casares puxeron no seu sitio 'O principio de Arquímedes' e Chévere puxo no seu sitio o teatro galego. Entre as cancións e as parodias da comedia, a profesión escénica galega escolleu o máis serio dos dramas
Unha escena da obra 'O principio de Arquímedes' da compañía Teatro do Atlántico
photo_camera Unha escena da obra 'O principio de Arquímedes' da compañía Teatro do Atlántico

OS MÉDICOS chegaban á casa e preguntaban: Como está o enfermo? Deixaban o mundo dividido en dúas categorías ao tempo que deixaban claro que había un problema por resolver. Os médicos ían ver o doente e no teatro galego aínda queda público que vai aos María Casares por ver cal é a súa saúde. Son visitas de médico e deixan claro que hai algo que non está ben. Pero vista a última edición dos Casares, vista a gala e vistos os espectadores, no teatro galego todo está máis ou menos no seu sitio. Os médicos pasan consulta e os doentes están atendidos.

O principio de Arquímedes, e o conflito que retrata, foi a obra sinalada e pode resultar paradoxal que nunha noite tan de rir gañase a obra máis seria. Porque a montaxe de Teatro do Atlántico é unha desas obras nas que hai que converter os substantivos en adxectivos para que a xente entenda: é teatro teatro. Feito no seu espazo, con cuarta parede, con portas que se abren e se pechan e unha exposición das estremas do comportamento feita sen circunloquios. Artificios ten os xustos. Moitos menos que a realidade pese a ser unha obra realista, aínda que nunca saibamos exactamente que quere dicir esta palabra. Gañou e foi celebrada con cinco premios e pode ser que tamén se celebrase un teatro que está vivo para contar a contorna. Ou un teatro que está san para contrarrestar esa ficción marcada de todas as crónicas.

Nos premios ninguén perde. Como nas eleccións. Utilizamos a verbo 'gañar' de maneira competitiva e non podemos entender que non haxa gañadores sen perdedores. Pero nos premios non perde ninguén. Algún ego pode quedar doente, pero non precisa visita médica. A lista de nomeados prometía algo máis de igualdade nos resultados, pero finalmente a intención de voto é 'mobile'. Ensaio sobre a cegueira e Presidente foron adiantadas por Xardín suspenso, que entre os finalistas non chegara a estar entre as tres primeiras. Ás veces as cousas parecen unha revolución e outras, un cambio de opinión. Quizais máis o segundo que o primeiro.

Chama a atención que Sarabela obtivese un premio sobre sete candidaturas, Teatro do Morcego conseguise un sobre cinco e o Centro Dramático Galego, que ten un pasar moi discreto sempre polos María Casares, acabase a noite con tres premios sobre catro nominacións. Pode ser a síndrome da segunda volta porque, en certo modo, premios como os da Asociación de Actores e Actrices de Galicia fan unhas primarias para os finalistas e logo unha segunda rolda para os gañadores. Elixir catro entre moitos ou escoller unha entre catro son procesos considerablemente diferentes. Entre as obras que contaban unha actualidade desde puntos de vista tan distantes, a profesión escénica optou polo que estaba máis próximo á realidade, pero quizais tamén polo que estaba resolto sen dúbidas. Non o máis avanzado escenicamente, nin o máis divertido. Pero si o máis coherente, o máis convencido de que significaba esa historia sobre o escenario.


A profesión non tivo esa mesma decisión para escoller a mellor actriz e fixo compartir o premio a Mela Casal (Noiteboa) e Melania Cruz (Xardín suspenso). Desde fóra, desde onde sentan os espectadores, é difícil encontrar relación entre os dous traballos. A suma de votos é argumento suficiente nestes casos, pero entre un papel e outro hai un par de galaxias de distancia. Entre a intención dos personaxes e o xeito en que se resolven. Hai unha distancia e non ten que ver cos xéneros.

Teatro do Atlántico gañou, pero a compañía que saíu mellor parada dos María Casares foi Chévere. Resolveu o transo da gala facendo teatro teatro, manexando dúas habilidades. A primeira foi marcar qué era entrega de premios e qué espectáculo. A segunda é darlle a volta ao punto de partida en lugar de que a gala sexa un lugar para falar do teatro galego, a compañía converteu a gala nun lugar onde se fai teatro galego. A maneira de facer homenaxes para Chévere é ir parodiando. Non saíron do teatro, nin dos clásicos, nin dos contemporáneos e a compañía xogou co mesmo público que citaba no escenario.

A Chévere préstalle o cabaret de entreguerras. Se foi un tempo impreciso, caótico, atrevido, se foi unha época cruel e máis ou menos comprometida entón foi un tempo coma o de hoxe. A compañía organizou a gala sen medo aos entregadores, sen medo aos entregados, sen medo aos números musicais. Sen preocupación por colocar nun mesmo espazo a María Casares e as Irmandades da Fala. Tampouco tiveron medo da propia profesión. As galas melloran moitísimo sen os premiados igual que as festas familiares melloran moito sen as familias. Pero as dúas cousas son unha condición insalvable. Os premiados e as súas familias sempre están aí. Como o Binomio de Newton. Soben, din as súas oracións e baixan. Logo hai que rezar para que saia Patricia de Lorenzo a cantar.

Comentarios