O Camiño Portugués en 3D

O Café Moderno acolle, ata o 30 de xuño, a exposición 'De mar a mar. O Camiño de Santiago en 3D', do Plan Xacobeo

Francisco Singul, Rafael Sánchez Bargiela e Martié Cores, na apertura da exposición. DAVID FREIRE - Camiño Portugués en 3D
photo_camera Francisco Singul, Rafael Sánchez Bargiela e Martié Cores, na apertura da exposición. DAVID FREIRE

A ponte de Ponte Sampaio, o santuario da Virxe Peregrina ou a basílica de Santa María son tres imaxes da mostra De mar a mar. O Camiño de Santiago en 3D, do Plan Xacobeo, que este luns se inaugurou en Pontevedra e que ofrece a posibilidade de ver máis dunha trintena de fotos do Camiño Portugués, do Inglés e do de Fisterra en tres dimensións. O Café Moderno acollerá esta exposición, que inicia na capital da provincia a súa itinerancia este ano e que agarda seguir sumando imaxes doutros percorridos a Compostela de cara a próximas edicións, ata o 30 de xuño.

O director do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela; o comisario da mostra, Francisco Singul, e a coordinadora da área cultural de Afundación, Marité Cores, foron os encargados de inaugurar o luns De mar a mar. "Esta é unha iniciativa que axuda a poñer en valor os Camiños a Santiago", explicou Cores. "É ademais unha proposta que axuda a seguir poñendo en valor a riqueza do noso patrimonio arquitectónico e natural".

Unha das fotos da mostra, que é necesario visitar con gafas 3D. DAVID FREIRE
Unha das fotos da mostra, que é necesario visitar con gafas 3D. DAVID FREIRE
​

Sánchez Bargiela destacou catro puntos á hora de inaugurar a mostra, "puntos que xustifican a súa presenza en Pontevedra". O primeiro tiña que ver co protagonismo que o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa teñen este ano para Turismo de Galicia.

DOUS MILLÓNS DE EUROS. O director-xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo lembrou que, neste sentido, se realizará un investimento de dous millóns de euros en acondicionamento e mellora destas dúas vías. "En segundo lugar, estamos a celebrar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Sobra referirse ao valor patrimonial e histórico de todas as rutas xacobeas", dixo Sánchez Bargiela.

O punto número tres estivo relacionado co traballo de potenciamento do Camiño Portugués en colaboración con Portugal. Neste sentido, a mostra poderase ver en varias localidades do país veciño. "O ano pasado percorrérona máis de 60.000 persoas, un 20% do total". Finalmente, en cuarto lugar, mencionou o feito de que o Xacobeo decidise darlle unha volta á idea dunha mostra de fotos co engadido do 3D.

Comentarios