O ciclo Summum trae a Javier Veiga, Héctor Alterio e Quique Peón ao Pazo

A proposta escénica do Concello e do Inaem inclúe unha montaxe coreográfica inspirada na revolta irmandiña e tres obras de teatro
Javier Veiga, Marta Hazas e Carlos Sobera nunha foto promocional de '5 y acción'
photo_camera Javier Veiga, Marta Hazas e Carlos Sobera nunha foto promocional de '5 y acción'

"Hai ganas de teatro e hai público en Pontevedra", sinalou, este luns, na presentación do ciclo Summum, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. "Os datos que manexamos neste sentido son un orgullo para a cidade". Quique Peón, Javier Veiga, Gabino Diego e Héctor Alterio son os protagonistas principais das montaxes que se poderán ver no Pazo da Cultura dentro desta proposta, que se celebrará ata o mes de xuño e que volve apostar por caras populares entre o público grazas ao cine e á televisión, "porque son as que axudan a arrastrar espectadores ao teatro".

Summum estará composto por tres obras de teatro, que virán a Pontevedra grazas ao convenio de colaboración que o Concello mantén co Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (Inaem) e ao Programa Estatal de Artes Escénicas Platea, e por unha peza coreográfica. Será esta última, precisamente, a encargada de abrir as postas en escena.

DÍA DA DANZA. O 29 de abril, "precisamente o Día da Danza", a compañía de Quique Peón montará O poder do Arcabuz. "Quique Peón, que, nesta ocasión, se une a Xacarandaina, leva anos dándolle unha volta ao baile tradicional galego". Esta proposta funciona como un musical que recrea a Revolución Irmandiña que tivo lugar en Galicia na Baixa Idade Media. "Trátase dun espectáculo que combina música e danza (tradicional e contemporánea) en gran formato, con case un cento de artistas no escenario: 33 bailaríns, 24 músicos e 40 persoas no coro", explican os promotores.

O actor e guionista do Grove Javier Veiga é o autor e director de 5 y acción, unha peza que protagoniza el mesmo xunto a Marta Hazas e Carlos Sobera. Baixo a apariencia dunha comedia romántica clásica de enredo, a montaxe agocha unha crítica aceda ao mundo do cine, da televisión e ás ansias por triunfar a calquera prezo. Será a primeira das propostas de Summum que se poderá ver no mes de maio, o día 7.

A segunda obra de maio será El intercambio. Protagonizada por Gabino Diego e Teté Delgado, representarase o día 27. Dirixida por Juan José Afonso, a peza trata a historia dun matrimonio que, despois de 20 anos de convivencia, decide probar cun intercambio de parellas.

EL PADRE. Summum rematará o 3 de xuño coa obra El padre, protagonizada por Héctor Alterio. O actor, de 88 anos, realiza unha das interpretacións máis impactantes da súa traxectoria ("es lo más completo y lo más intenso que ha hecho en nuestros escenarios", escribiu Marcos Ordóñez en El País) nesta obra de Florian Zeller, que adaptou e dirixiu José Carlos Plaza. O arxentino está rodeado dun elenco do que forman parte Ana Labordeta, Luis Rallo, Miguel Hermoso, Zaira Montes e María González. El padre, que trata os estragos do alzhéimer, conta con escenografía e iluminación de Francisco Leal.

As entradas para as obras de teatro están á venda en www.ataquilla.com a un prezo de 20 euros (máis gastos de xestión). No caso de O poder do Arcabuz, poden conseguirse en www.ticketea.com a 14 euros (máis gastos).

Comentarios