O Consello da Cultura Galega reedita 'Advento', do chairego Manuel María

Trátase dunha obra "capital" do autor ao que está adicado o Día das Letras e da poesía contemporánea en xeral
Manuel María
photo_camera Manuel María

O Consello da Cultura Galega reeditou 62 anos despois 'Advento', unha das primeiras obras de Manuel María (1929-2004), homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, e considerada unha peza "capital" da poesía galega contemporánea, na que se xuntan vangarda, reivindicación da identidade e dose do existencialismo presente na denominada Escola da Tebra.

Deste modo presentou 'Advento' o editor de toda a obra de Manuel María, o tamén poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, nunha rolda de prensa en Santiago co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a que foi compañeira do poeta chairego de Outeiro de Rei (Lugo), Saleta Goi.

Esta obra foi editada en 1954 polo Centro Galego de Bos Aires, con ilustracións de Luís Seoane, dun texto escrito en 1951 e que gañou o Premio Castelao de Poesía en 1952. Pouco antes, aos 19 anos, Manuel María xa escribira o seu primeiro poemario 'Muiñeiro de brétemas'.

Así, o Consello da Cultura Galega sacou unha edición facsímile o texto, á que se suman dúas cartas escritas por Manuel María a Luis Seoane en 1953 e 1969, así como dous texto inéditos: un estudio introdutorio de Fernán-Vello e un prólogo de Ramón Villares. Ao igual que veu facendo nos últimos anos cos homenaxeados das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega sacou unha coidada tiraxe de 500 libros numerados para regalar á familia de Manuel María e institucións, á que se suman outros 150 exemplares que levarán o 30 de abril á Feira Internacional do Libro de Bos Aires.

Comentarios