jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

O derradeiro salto de tigre do rock galego

Los Suaves son a última gran banda do rock composto en Galicia. Malia sabelo, o seu cantante non teme xogarse a vida saltando dende o escenario como se fose Iggy Pop

ROCK GALEGO anda nos estertores. Quedan os últimos xubilados de Filipinas, señores en idade de deixarse conducir polo Sergas a Benalmádena. Todos vostedes xa coñecen a Yosi, o líder de Los Suaves, 67 anos, capricornio, ourensán. Aínda que non saben quen é Yuma, «o último hippie», 76 anos, acuario, ribadense.

Yuma exhibe unha pel suave e fresca porque foi feliz cada día da súa vida. Non deixou que o traballo lle murchase a flor que nos nace cada mañá e que o resto non acertamos a coidar para que non seque. Comeu e durmiu 76 anos traballando ‘allegro ma non troppo’, grazas a ser agradable, saudar, axudar no que se lle requería e deixarse querer. Non hai restaurante de luxo que non probase. Accede a eles cautelosamente. Asoma pola porta por onde se quitan as varreduras, e pregunta, con humildade, se traballa alguén relacionado con Ribadeo. Sempre hai unha conexión, por mala cobertura que se lle poida dar. E Yuma proba nun curruncho da cociña os restos das mesas máis sofisticadas.

Houbo unha noite madrileña e chuviosa na que unha patrulla da Nacional atopou a Yuma desconcertado nunha rúa mollada de Malasaña. Facía desagradable. Os axentes propuxéronlle levalo a un albergue. Yuma deulles o enderezo dun amigo ribadense que vivía na capital. Insistiu porque os policías non o tomaban en serio. Á maña seguinte, ben dormido e tras almorzar un cruasán, saíu do palacio de La Moncloa con dúas camisas brancas que recendían a toma de posesión. Regalárallas o seu amigo, o presidente Leopoldo Calvo Sotelo. A Yuma soamente a morte o xubilará da alegría de estar vivo. Sospeito que o mesmo lle acontecerá a Yosi coa alegría de actuar en directo.

Nunca entendín a paixón ourensá por Los Suaves. Fan un rock cheli, pouco matizado e, desta altura, anticuado; pero a última vez que estiven en Ourense, descubrín que lles puxeron unha praza onda a catedral. Seica en Ourense lles incomodan os cambios. Cambian a agua das Burgas, por toda concesión. Esa preguiza ante os cambios é culpa de que lle quitan aspereza a todo: Baltar é un «cacique bo» e Los Suaves é unha banda de rock duro. Durísimo. Los Suaves saíron de xira de despedida o ano pasado. Seica que nalgunha cidade lles cadrou coa xira de despedida que outro ourensán, o humorista Moncho Borrajo. Borrajo empezou unha xira de despedida a Franco e continuou coa súa. Ata hoxe.

Teño un amigo, Manuel de Lorenzo, a quen lle digo «ola» e «adeus» de corrido logo de atopalo. Despois botamos a tarde enteira xuntos e mesmo o levo a durmir na casa. Manuel é ourensán, evidentemente. Os ourensán son seres morriñentos que non soportan a separación. Por iso, cando emigraban a América quedaban no porto, en Vigo. Por iso, o rock creado en Galicia foi desaparecendo, agás Los Suaves.

Ese carácter ourensán de apegarse ás persoas e as cousas, faime desconfiar de que Yosi teña intención de retirarse. O sábado da semana pasada fixo o salto do tigre —o mesmo que daba Sandokan nas novelas de Salgari— durante un concerto en Ponferrada. Os espectacdores viron voando cara eles un vulto escuro e unha mata de pelo gris estendido coma unha alfombra. Armaron unha rede de mans para atrapalo na caída. Pero Yosi non chegou á rede. Petou no valado que separaba o escenario do público e caeu indolente, coma se fose un saco de patacas da  Limia.

O cantante acabou no hospital coma Ray Lomas, o protagonista do álbum conceptual que a banda Jethro Tull gravou en 1976: ‘Demasiado vello para o rock and roll, demasiado novo para morrer’. Ray Lomas é un rockeiro que ve como a súa música deixa de ter público. Exasperado, decide suicidarse. Unha noite, correndo cunha moto veloz por unha estrada secundaria, xira violentamente para ir contra unha árbore. Non morre e queda desfigurado. Bota unha tempada en coma. Opéranlle a cara e rexuvenece vinte anos. Cando volve ao escenario, descubre que a súa música está novamente de moda. Non teño noticia de que lle fixesen a cirurxía estética a Yosi, pero non me sorprendería que ‘Peligrosa María’ volva encabezar Los 40 neste tempo avolto e confuso artísticamente no que fascina o regreso ao futuro de ‘Star Wars’.

Poida que ese salto de Yosi en Ponferrada fose, en realidade, un salto adiante para gañar tempo. A Iggy Pop non lle foi mal cos saltos dende o escenario. O líder de The Stooges botou anos preguntándose por que Britney Spears protagonizaba un anuncio de perfumes e el, non. Era o único que pensaba que se podía comparar un vello enxoito e coa cara rabuñada polas drogas cunha rapaza que se gañara os primeiros postos da Billboard mediante horas de ximnasio e afinado por ordenador.

Tiven un póster de Iggy Pop tras a porta do cuarto adolescente que compartía cun irmán na casa de Ribadeo. El era máis sofisticado e puxera unha ilustración do debuxante Moebius. No cacho de parede que me correspondía colguei unha gran foto do cantante, 1947, tauro, na que se lle vía espido de cremalleira do pantalón para arriba. Iggy aparecía cantando nun concerto. Eu dobrara o cartel de xeito que a metade inferior quedaba oculta. Tiven a precaución de que os meu pais non visen o que o cantante fora fotografado no momento no que abrira a bragueta e estaba xogueteando co seu órgano. Cando marchei estudar a Santiago esquecín de despegar o póster. Os meus pais foron comprensivos. Nunca tiveron unha conversa comigo a respecto dos elementos ornamentais que colgaba na súa casa. Eu non lles permitiría tanto aos meus fillos. Menos agora que estou pasado de anos para o rock and roll, pero novo para marchar. O derradeiro salto de tigre do rock galego Los Suaves son a última gran banda do rock composto en Galicia. Malia sabelo, o seu cantante non teme xogarse a vida saltando dende o escenario como se fose Iggy Pop.

O derradeiro salto de tigre do rock galego
Comentarios
ç